Dezasete mulleres e sete homes do sector pesqueiro fórmanse para crear proxectos de turismo mariñeiro
Por Redacción
Os Grupos de Acción Local do sector pesqueiro das Rías Baixas (GALP Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda) desenvolven unha iniciativa para promover traballos de formación entre persoas do sector do mar e antes de finalizar o ano dispoñerá dos protocolos de atención ao público específicos para esta nova actividade económica.
O proxecto denomínase Mar das Illas Atlánticas e promove propostas turísticas a través de financiamento da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
Durante estas xornadas leva a cabo un programa de titorías para profesionais do sector pesqueiro interesados en formarse en turismo mariñeiro. 24 persoas, dezasete mulleres e sete homes, participan na primeira sesión de aprendizaxe, que se prolongará en próximas semanas.
As titorías céntranse nun labor de conversión de ideas dos participantes en proxectos sólidos para presentar ante a Secretaría Xeral do Mar. Tamén se elaborarán protocolos de atención ao público, un deles destinado a persoas con diversidade funcional, e traducidos ao inglés.
En 2020 está previsto que se peche o proxecto Mar das Illas co desenvolvemento dos proxectos piloto en cada unha das rías participantes e coa posta en marcha dun congreso internacional de turismo mariñeiro.