O BNG pide un parque de bombeiros no interior da provincia para os concellos de sombra
Por Redacción
O deputado do BNG, Luís Bará formulou este mércores unha pregunta ao goberno galego, en comisión, relativa á creación dun servizo de extinción de incendios e salvamento para os concellos de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Moraña, Ponte Caldelas e A Lama.
O parlamentario lembrou que a Xunta de Galicia nunha reunión co Concello de Pontevedra para abordar a comarcalización recoñecía que "era necesario un novo parque na zona en torno a Cotobade" para dar cobertura a concellos con tempos de resposta de máis de 20 minutos e que polo tanto están "desatendidos". Toda esta zona, recordou Bará, ten "graves carencias" en materia de emerxencias.
Dende hai xa máis de dous anos, explicou, a Xunta anunciou a revisión do mapa de emerxencias e a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades, "mais non houbo avances", dixo o deputado do BNG, "a pesar de que os bens e as vidas das persoas están en risco".
"Non queda outra saída que traballar para buscar solucións", engadiu Bará, que destacou que a xuízo do BNG esa solución pasaría pola construción deste novo parque de bombeiros que atenda as emerxencias nestas "zonas de sombra".
O director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, sinalou con todo que a lexislación establece "claramente" que son as deputacións as que deben prestar este servizo nos municipios de menos de 20.000 habitantes. A pesar diso, engadiu, a Xunta "non escatimou esforzos" para buscar unha atención "axeitada e homoxénea" ás emerxencias en todo o territorio.
Así, lembrou que Pontevedra conta actualmente con sete parques de bombeiros, cinco de cáracter comarcal e os municipais de Pontevedra e Vigo, co "reforzo" de seis Grupos de Emerxencias Supramunicipal (GES) e 43 agrupacións de Protección Civil.
"Si é certo que hai zonas no noso territorio que requiren unha mellora do servizo de atención ás emerxencias", recoñeceu Villanueva, unha cobertura "deficiente" ante a cal propuxo, "de xeito coordinado" coa administración local, comarcalizar os parques municipais. Para iso, dixo, "é necesario a vontade de todos", interese que no caso de Pontevedra non aprecia na Deputación.
Esta comarcalización "non sería suficiente" para dar atender todas as zonas de sombra, segundo o director xeral, polo que a Xunta contempla a creación de tres novos GES e un servizo supramunicipal.
Tras a resposta do responsable de Emerxencias, o nacionalista denunciou as "maniobras de escapismo" de Villanueva e replicou que as medidas propostas eran "pouco serias" pola falta de medios destes servizos para atender emerxencias como a extinción de incendios.
Bará denunciou que a Xunta "non se molla" e presenta como "escusa" que este asunto debe ser tratado na comisión de Protección Civil.
"Non se escape e responda ás preguntas", reiterou Bará a Villanueva ao que tamén cominou a participar nunha mesa coa Deputación de Pontevedra e concellos para buscar unha solución.
"Resulta imprescindible e urxente" que a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra estuden e acorden, en colaboración cos concellos e a través dos consorcios, "unha solución para darlle unha cobertura axeitada ás emerxencias dos citados concellos do interior da provincia", concluíu.
Relacionadas:
-
Crean a comisión para abordar a xestión directa dos parques comarcais de bombeiros
Por Redacción |
-
Os grupos parlamentarios demandan unha cobertura axeitada ás emerxencias nos municipios do interior
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva recrimina ao PP dous anos de mentiras sobre a comarcalización dos bombeiros
Por Natalia Puga |
-
Carme da Silva axita a precampaña ao reclamar unha Axencia Tributaria Galega
Por Redacción |
-
A Xunta e a Deputación incrementan o orzamento do consorcio provincial contra incendios
Por Redacción |
-
O BNG propón a construción dun novo parque de bombeiros que dea solución aos concellos do interior
Por Redacción |
-
O PP reclama á Deputación que poña fondos para comarcalizar o parque de bombeiros de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas ofrece dúas parcelas na Reigosa para crear un parque de bombeiros
Por Redacción |
-
Os concellos do interior reclaman a mellora do servizo de emerxencias
Por Oskar Viéitez |