SAL busca concelleiro en Sanxenxo tras o abandono de Jesús Sueiro para presidir a xestora do PP en Meaño
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular xa iniciou a nova etapa da formación en Meaño. O presidente provincial, Alfonso Rueda, e o secretario xeral, José Manuel Cores Tourís, mantiveron este mércores unha reunión coa presidenta da actual xestora, Lourdes Ucha, e o secretario, José Ramón Gondar.
A xestora actual presentará a súa dimisión para que o partido poida iniciar unha "nova fase no municipio" despois da expulsión de Carlos Viéitez. O actual alcalde foi expedientado por "desobediencia e deslealdade á formación".
É unha decisión "inxusta e inxustificable" para os 23 integrantes da lista do Partido Popular en Meaño nas pasadas eleccións municipais que subscribiron un comunicado de apoio ao "proceder do alcalde Carlos Viéitez, que foi acordado por todos os membros".
Tamén para este mércores estaba previsto que Rueda presentase ao novo presidente da xestora do partido en Meaño, Jesús Sueiro pero finalmente a convocatoria anulouse "por problemas de axenda de última hora" e posponse a comparecencia.
Jesús Sueiro Méndez deixaba o pasado martes a súa acta de concelleiro na corporación de Sanxenxo, onde representaba a Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) despois das renuncias primeiro de Gonzalo Pita e despois de Manuel Fernández.
A dúbida agora é se queda alguén en SAL para substituír a Jesús Sueiro na corporación sanxenxina.