VÍDEO.- Sufocan un incendio nunha nave dedicada ao téxtil en Lérez
Por Redacción & Cristina Saiz
Os Bombeiros de Pontevedra sufocaron á primeira hora deste xoves un incendio declarado no interior dunha nave industrial situada na parroquia de Lérez, concretamente no número 8 da Rúa Cordón.
A alerta saltou pouco antes das 9:30 horas, e cando os servizos de emerxencia chegaron ao lugar do interior saía unha importante cantidade de fume.
"Parece que una trabajadora subió un térmico, notó un ruido y vio algo de humo y a partir de ahí se desencadenó todo", explicou tras a intervención o xefe dos Bombeiros, Vicente Ferrería.
O lume afectou a unha empresa que se dedica á confección téxtil, polo que na nave "de grandes dimensiones y con recovecos" acumulábase material de fácil combustión como pezas de roupa, teas e fíos, ademais de maquinaria.
"Había una gran carga térmica en el interior", sinalou Ferrería, polo que tras lograr entrar por unha xanela e localizar o foco os bombeiros procederon a rebaixar a temperatura e tentar ventilar os gases acumulados para despois terminar de extinguir o lume.
Aínda que non se produciron danos persoais, si importantes desperfectos materiais. Ademais foi necesario evacuar unha das dúas vivendas que se atopan encima da nave, xa que a outra se atopaba desocupada no momento da incidencia.
No operativo participaron dúas dotacións de bombeiros, Policía Local, que acordoou a zona, e tamén axentes da Policía Nacional.