Bueu reclama a Sanidade reforzar o PAC no verán e cubrir a vacante de pediatra
Por Redacción
O salón de plenos da casa consistorial de Bueu acolleu este mércores a primeira xuntanza da Mesa Local de Sanidade, órgano creado o pasado verán para debater sobre a situación da atención sanitaria do municipio.
Nela, ademais do alcalde, voceiros de todos os grupos políticos e representantes das asociacións veciñais da vila, estivo o director da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) Pontevedra - Salnés, José Manuel González.
Tras máis de dúas horas de debate, a mesa puxo de manifesto as eivas do sistema sanitario e os problemas derivados da falta de facultativos.
A este respecto, o Sergas confirmou que a segunda praza de pediatría do centro de saúde, vacante tras a marcha da profesional que a ocupaba en comisión de servizos, formará parte da próxima oferta pública de emprego.
Outra das grandes reivindicacións foi a petición realizada para que desde todas as instancias se realice un esforzo para reforzar o PAC e o resto de servizos de atención primaria na tempada estival, cando case se duplica o número de persoas que reside na vila.
Esta Mesa Local de Sanidade reunirase cada dous meses para avaliar a situación.
O director da EOXI valorou positivamente a convocatoria xa que considera que "é importante que as diversas institucións se escoiten" e explicou que "o principal problema que temos é que non existen profesionais na lista de contratación".
Pola súa banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, salientou que no municipio "hai un problema grande coa sanidade, que ten que ver coa precariedade debida á contratación temporal, e á falta de recursos, de equipamento e de persoal".
O rexedor aproveitou esta xuntanza para informar de que o Concello está xestionando os trámites previos para a cesión do centro de saúde ao Sergas, o que permitiría que a Xunta de Galicia se faga cargo dos custes de mantemento, tal e como acontece noutros concellos.