O Concello axudará ás comunidades de montes a elaborar os seus plans de ordenación
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra impulsará un convenio de colaboración coa Mancomunidade de Montes para que as diferentes comunidades que forman parte do municipio poidan ter un plan de ordenación do monte antes de que finalice o prazo legal. Desde xuño do 2020, a Lei de Montes de Galicia establece que só poderán executar tallas os montes que teñan este instrumento de xestión.
O concelleiro responsable do rural, Alberto Oubiña, trasladou este compromiso aos responsables da mancomunidade nun encontro que o edil nacionalista valorou como "positivo" e "moi produtivo" no que a colaboración se fixa como "eixo fundamental" do plan denominado "Monte Vivo PO2" que impulsa o goberno local.
Este plan ten varias liñas de traballo, entre as que se atopan a creación de sendas e de parques forestais (A Tomba, A Fracha e o do Pontillón de Castro). A idea é habilitar espazos de lecer ao aire libre alternativos e diversificar a produción.
Alberto Oubiña trata agora de mellorar a relación cos propietarios dos terreos, as comunidades de montes, para atender as súas propostas e prioridades "nunha liña de traballo transversal que engloba a todo a área".
Unha desas prioridades é a elaboración de plans de ordenación do monte, que a día de hoxe só ten Mourente, e iniciaron os trámites en Marcón e Campañó. As once comunidades de montes restantes téñeno pendente.
O Concello dispoñerá uns 80.000 euros para impulsar a redacción destes plans de ordenación que definirán os modelos silvícolas para cada especie, os marcos de plantación e os tratamentos que deben ter as masas (rozas, podas ou claras), así como as quendas orientativas de talla. O obxectivo é avanzar na xestión profesional do monte, reducindo o descoido das masas e o seu abandono.