Sanxenxo adianta a novembro o encendido de Nadal e aumenta o gasto en alumeado
Por Redacción
A carreira pola mellor iluminación do Nadal chegou tamén a Sanxenxo. O goberno municipal anunciou que aumentará ata case 91.000 euros o custo das luces que decorarán as principais rúas do municipio e, ademais, farano durante máis tempo.
O encendido da iluminación do Nadal adiantarase ao 28 de novembro e permanecerá ata o 12 de xaneiro.
O Concello asegura que se instalarán 378 puntos de luz este ano, 48 máis que o pasado nadal. Así, vanse iluminar todas as vías que unen cada rotonda, as prazas e rúas de maior afluencia e os núcleos das parroquias.
O obxectivo, destaca o goberno municipal, é que Sanxenxo sexa máis atractivo para veciños e visitantes, impulsando a actividade comercial e hostaleira. Por iso, ademais de aumentar o orzamento, amplíase en dúas semanas o período que permanecerá acendido a iluminación.
"Se facemos as cousas ben, nuns anos o Nadal pódese converter no terceiro período de ocupación hostaleira despois do verán e a Semana Santa", destacan desde o executivo que lidera Telmo Martín, que adianta que traballa en máis ideas para esta época festiva.
O Concello tamén sacou a licitación a instalación dunha carpa para as actividades do Nadal, cun orzamento 61.768 euros, que volverá instalarse na Praza dos Barcos.
A carpa permanecerá aberta desde o día 21 de decembro ata o día 6 de xaneiro e a súa programación presentarase nas próximas semanas. Será tipo iglú de 700 metros cadrados, con estrutura de aluminio e chan de tarima de madeira con moqueta antiescorregadiza. Incluirá un escenario, iluminación, son e un sistema de climatización.
A carpa será un punto de encontro ao que veciños e visitantes poidan achegarse para gozar da variada oferta de actividades para todas as idades e gustos que ofrecerá o nadal de Sanxenxo.
Relacionadas:
-
Preto de 400 figuras de luz iluminarán o nadal en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Os hoteis de Sanxenxo rexistraron en setembro un récord de pernoitas
Por Redacción |
-
Papá Noel, un carrusel e un tren alegrarán o Nadal dos marinenses
Por Redacción |
-
As badaladas de fin de ano xa soaron en Sanxenxo
Por Redacción |
-
O 'Trasno Fantástico' non logra impedir o acendido da iluminación do Nadal en Sanxenxo
Por Redacción |