A antiga escola da Lama acollerá as actividades da ANPA Caldevergazo
Por Redacción
Operarios municipais están realizando as obras de acondicionamento e rehabilitación do inmoble da antiga escola da Lama, que estará destinado ás actividades da Asociación de Nais e Pais (ANPA) Caldevergazo así como as súas xuntanzas e iniciativas socioculturais.
As obras, que se realizan a petición da ANPA, contemplan a colocación de novos baños e o pintado da planta baixa dun edificio que conta xa con moitos anos e que agora está sendo acondicionando para que teña un uso máis acorde coas necesidades asociativas.
Ademais, o goberno municipal pedirá á arquitecta municipal que faga unha proposta redistributiva do espazo e usos da planta superior, que non está sendo utilizada neste momento, co fin de que poida ter un mellor aproveitamento público para albergar a actividade asociativa e formativa do municipio.
A colaboración do Concello da Lama coa ANPA e a comunidade educativa é unha das prioridades do equipo de goberno a través de continuas actuacións que se realiza no centro escolar en colaboración coa dirección, cos mestres e coa Consellería de Educación.