O grao en Deseño e Creación, pendente de avaliación técnica de Educación para implantarse o vindeiro curso
Por Redacción
A Universidade de Vigo xa remitiu a memoria da nova titulación do grao en Deseño e Creación á Xunta de Galicia para que leve a cabo a avaliación técnica. Así o comunicaba o reitor Manuel Reigosa na primeira reunión do Consello do Campus pontevedrés mantida na Casa das Campás.
Alcanzouse un acordo coa administración autonómica para ampliar o período de presentación da memoria, que foi aprobada en setembro e agora, a Consellería de Educación deberá analizar a documentación co obxectivo de que o próximo curso se poida iniciar a súa docencia no campus de Pontevedra, segundo informa o DUVI.
Manuel Reigosa indicou que, tras unha negociación coa Xunta, a nova titulación conlevará unha perda dunha cifra menor a 45 prazas para o alumnado de novo ingreso na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Esta situación sería unicamente durante un ano, explicou, xa que se a demanda se mantén podería recuperarse o número inicial de matrículas.
PEONALIZACIÓN
Tanto o reitor como o vicerreitor do campus, Jorge Soto, informaron sobre os acordos mantidos co Concello de Pontevedra tras o encontro co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e coa concelleira responsable da área de Universidade, Yoya Blanco.
Este acordo supón a cesión de terreos na entrada ao campus para a creación dun skate park e, por outra banda, desenvolverase un proxecto de converter en peonil parte do espazo central do campus da Xunqueira, na zona da rotonda situada entre Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia. O obxectivo, manifestou o reitor, é que o campus encaixe coa filosofía da cidade a través da humanización do recinto universitario.
Reigosa avanzou que os técnicos están a traballar na elaboración dos convenios necesarios para que leven a cabo estas iniciativas. Tamén indicou que se estuda retomar a idea de crear un novo edificio universitario nos terreos da antiga Tafisa, atendendo á postura colaborativa por parte do Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Avances entre Concello e Universidade para a construción do skatepark, o edificio de Moda e a desafectación dos terreos do campus
Por Redacción |
-
A UVigo prevé a posta en marcha do grao en Deseño en Pontevedra no curso 2022-23
Por Redacción |
-
Concello e Universidade activan a construción do skatepark na parcela do campus
Por Redacción |
-
O campus ve "necesario" ampliarse cara Tafisa pero recoñece que "non é o momento"
Por Alejandro Espiño |
-
A Universidade 'rescata' a súa idea de construír un edificio en Tafisa para novas titulacións
Por Alejandro Espiño |
-
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación cumple 25 anos
Por Redacción |