Radio Escaparate dá un xiro cara o humor e o entretemento na súa nova tempada
Por Redacción
A espera terminou. Volve Radio Escaparate, o programa radiofónico que, desde xaneiro de 2015, realizan e difunden a través da rede estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. E vén cunha chea de novidades que, a partir da próxima semana, os oíntes poderán comprobar todos os mércores en PontevedraViva Radio.
Tras incorporar doce novos alumnos no cásting que levaron a cabo a finais de setembro, un grupo de 27 estudantes deste centro integra no presente curso o equipo responsable deste magazine semanal, que iniciará a súa sexta tempada.
"A nosa idea é intentar darlle un xiro ao programa e facelo máis humorístico, máis centrado no entretemento, enfocado sobre todo ao que cremos que é o noso público obxectivo, o alumnado universitario", salienta o director do programa, Pedro Javier Miguélez.
O arranque desta sexta tempada de Radio Escaparate viuse precedida pola gravación no estudo da facultade dun "piloto", dirixido a "ver un pouco como funcionan as novas seccións e que á xente nova se sinta cómoda e poida ver tamén como traballamos", apunta Miguélez, quen tras exercer como técnico de son e locutor, convértese no novo director do programa.
Os equipos de locución, produción, son, foto e vídeo, redes sociais e deseño deste espazo radiofónico darán vida a un espazo que, explican, emitirá un programa semanal ao longo do curso, aínda que con paróns en vacacións e durante os períodos de exames.
Presentado por Ángela Aboy e Alicia Nuñez, este magazine radiofónico contará un ano máis cunha entrevista central, pola que o pasado curso pasaron, entre outros, o músico Iván Ferreiro, o actor e cómico Carlos Blanco ou a youtuber Rebeca Stones.
Contará tamén de novo coa sección de actualidade e redes sociais Chíos e cancelos ou co espazo dedicado a deportes A bancada, xunto con novas propostas como o espazo no que Iván Iglesias e Eduardo Sevillano realizarán unha canción en galego dalgún xénero do que non haxa practicamente cancións neste idioma, relatan os responsables deste espazo radiofónico.