Rouban nunha xoiería de Vigo, foxen pola AP-9 e acaban detidos na entrada de Pontevedra
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo en Pontevedra a un veciño de Poio e outro de Cangas que pouco antes presuntamente roubaran unha xoiería de Vigo e fuxiran pola autoestrada AP-9. O control policial establecido nas distintas saídas desta vía permitiu interceptalos.
A un dos detidos constábanlle un gran número de antecedentes policiais anteriores, sendo varios deles por feitos similares ao descrito. Nos dous últimos meses foi detido dez veces e os investigadores non descartan a súa imputación noutras causas que están a ser obxecto de investigación, entre elas un intento de roubo recente nun hostal de Marín.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, o roubo produciuse pouco despois das 23.30 horas en Vigo. Os policías tiveron coñecemento do mesmo porque un condutor que circulaba pola rúa Carral chamou ao 091 porque acababa de ver a dous homes golpeando o cristal dunha xoiería.
Á chegada dos policías, os ladróns xa non estaban no lugar, pero estableceuse un dispositivo para localizalos. Mentres unha patrulla quedou custodiando o lugar, o resto realizaron unha rápida inspección das rúas lindeiras en busca dos autores ou dalgunha persoa que puidese observar algo anómalo.
Os axentes localizaron dúas persoas na contorna da rúa Arenal que momentos antes viran un vehículo de cor negra circulando a gran velocidade en dirección cara á entrada da autoestrada, de modo que se estableceron controis nas saídas máis próximas da AP-9, con especial interese en Rande, Puxeiros e Pontevedra.
Finalmente, foi interceptado na entrada de Pontevedra por unha patrulla da Comisaría de Policía Nacional da cidade. O vehículo estaba ocupado por dous homes, que coincidía coa descrición dos supostos ladróns.
Os axentes realizaron un rexistro do turismo e localizaron pulseiras, pendentes, aneis de brillantes, reloxos e outras xoias valoradas en preto de 20.000 euros. O dono da xoiería confirmou que esas xoias coincidían coa que faltaban no seu comercio, polo que se procedeu á detención de ambos os homes e ao seu posterior traslado a Comisaría.
Os detidos foron postos ao dispor do Xulgado de Garda de Pontevedra na mañá deste venres.