Carmela Silva culpa das "mentiras" do PP ao "ardor guerreiro" do seu portavoz provincial
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, culpou ao "ardor guerreiro" do "joven" portavoz provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, das "inconsistencias, descoñecementos e mentiras" que dixeron os populares sobre o convenio asinado co Ministerio de Fomento para musealizar os castros da provincia.
No marco da precampaña das eleccións xerais do 10-N o deputado e a candidata e cabeza de lista do PP pola provincia de Pontevedra ao Congreso e alcaldesa de Marín, María Ramallo, criticaron ao ministro de Fomento, o socialista José Luis Ábalos, por incumprir este convenio.
Este venres en rolda de prensa Carmela Silva reprochou aos populares que digan "unha sarta de tonterías" como consecuencia de que Jorge Cubela "non le ningún papel" polo que "non sabe do que fala" ofrecéndose a darlle "clases particulares".
Segundo a mandataria socialista, despois da firma deste convenio en marzo do ano 2015, "en tres anos non se fixo nada por parte de Ana Pastor" cando entón era ministra de Fomento, sinalou Carmela Silva criticando a súa "desidia e inacción".
Con todo, continuou a presidenta, "desde que goberna Pedro Sánchez está todo en marcha, en prazo", e lembrou como exemplo que este martes o Boletín Oficial do Estado publicou a licitación das obras nos tres primeiros castros: A Subidá (Marín), Toiríz (Silleda) e Alobre (Vilagarcía).
O segundo lote de castros para musealizar está "pendente de informe de Patrimonio da Xunta de Galicia". Son os castros de A Lanzada (Sanxenxo), Penalba (Campo Lameiro), Mercado dos Mouros e Igrexa Vella (Valga), Adro Vello (O Grove), Alto dos Cubos (Tui) y Cruz do Castro (Cerdedo-Cotobade). O terceiro e último lote está "en fase de redacción".
Son os castros de Taboadexa (As Neves), Troña (Ponteareas), Trega (A Guarda), O Facho (Cangas), Cabeciña (Oia) y Castrolandín (Cuntis). Ademais Carmela Silva culpou ao concello de Marín de atrasar a tramitación do castro da Subidá e a Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, de eludir a súa responsabilidade de limpar o castro situado no seu municipio.
Finalmente a presidenta da Deputación censurou a "falta de responsabilidade, rigor e un mínimo de seriedade" do PP e concluíu indicando que ao portavoz provincial "hai que darlle unha marxe de confianza para que aprenda".