Os nenos están mal sentados nas aulas por culpa de cadeiras e mesas inadecuadas
Por Redacción
Ao longo das últimas décadas, diferentes investigacións teñen observado que a falta de correspondencia entre as medidas antropométricas dos nenos e as dimensións do mobiliario escolar poden desencadear efectos negativos como posturas incómodas, dores de pescozo e costas ou a mesmo unha diminución do interese nas clases.
Formar ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte nas variables que inflúen á hora de escoller o mobiliario escolar é un dos obxectivos centrais do proxecto de innovación que ao longo deste ano desenvolve un grupo de docentes deste centro e que se completará coa elaboración dunha guía que achegue información sobre como determinar, a partires do patrón antropométrico dos nenos, que mobiliario que lles sería máis apropiado.
Iván Prieto, ademáis de profesor asociado neste centro, é tamén docente no CEIP A Laxe de Marín, ao igual que Emma María Taboada, autora dun traballo de fin de grao inserido neste proxecto, que lles permitiu constatar neste centro educativo esa falta de adaptación do mobiliario ás características dos nenos, xa que o estudo situaba por riba do 90% a porcentaxe de nenos que empregaban cadeiras e mesas dun tamaño superior ao adecuado.
Segundo recolle o xornalista Eduardo Muñiz no Diario da Universidade de Vigo, os docentes da facultade Alfonso Gutiérrez, Carlos Ayán, Ana Rey, Emerson Ramírez, Ana Acuña e Marco Lucato e os egresados Adrián Paramés e Juan Carlos Argibay forman parte tamén do equipo responsable dun proxecto que busca achegar ao alumnado da facultade unha formación específica en hixiene postural e elección do mobiliario escolar.
A través dunha serie de talleres en diferentes materias dos tres graos que se imparten nesta facultade, o alumnado poderá coñecer como empregar o material de medición para determinar o perfil antropométrico dos nenos así como determinar, a partires destes datos, as medidas do mobiliario adecuado. Nese senso, Prieto pon o acento no "problema que supón que o profesorado non sexa consciente de que mesas ou cadeiras poden estar mal colocadas" por mor da falta dunha formación específica neste eido.