As comunidades de montes da Lama reciben formación en prevención de incendios
Por Redacción
Directivos de varias comunidades de montes do municipio da Lama asistiron a unha xornada técnica sobre prevención e autoprotección en relación cos incendios forestais nos núcleos rurais organizada polo Distrito Forestal XIX da Consellería de Medio Rural, en colaboración co Concello da Lama.
Os técnicos do Distrito Forestal XIX abordaron cos asistentes temas relacionados coa problemática dos incendios forestais da zona, lugares de alto risco, as épocas de perigo alto e o índice de risco diario de incendios forestais. Ademais, incidiron en temas relacionados coas comunicacións e autorizacións de queima, procedemento de solicitudes e prescricións técnicas no emprego do lume e alternativas á utilización do fogo como ferramenta para a xestión da biomasa.
Esta xornada serviu para concienciar aos asistentes sobre a necesidade e a importancia da xestión conxunta da propiedade forestal para maior valoración do monte cunha aproximación ao que son as asociacións de propietarios e as sociedades de fomento forestal.
Entre outras cuestións, fixeron fincapé no fomento da xestión conxunta entre propietarios dos minifundios forestais a través de figuras como o SOFOR, ademais de incentivar a valoración do monte e dar a coñece-las consecuencias e os efectos dos incendios.
Os asistentes coñeceron tamén cales son as medidas máis axeitadas de autoprotección das edificacións próximas ao monte, que facer cando se detecta un incendio, sistemas de alerta ou normas de actuación cando o lume afecte ao núcleo de poboación.
A xornada estaba dirixida preferentemente a propietarios forestais e comuneiros, persoal técnico con interese no eido forestal e ambiental, traballadores de empresas do sector, agricultores, mulleres do medio rural, persoas que se incorporen ao sector primario. Entre os asistentes estaban o concelleiro de Medio Rural, Jorge Méndez; o tenente de alcalde, David Carrera; e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal.