Poio pide á Xunta que execute o vial da rotonda de Rabo de porco e ofrécese a financiar a obra
Por Redacción
O equipo de goberno do concello de Poio ven de reunirse coa directiva da asociación de veciños A Laxe de Raxó para tratar diversos temas de interese para esta parroquia.
Á reunión asistiron Chelo Besada, concelleira de Obras e Servizos, Gregorio Agís, concelleiro de Urbanismo, e Silvia Díaz, concelleira de Participación Veciñal.
Un dos asuntos tratados na xuntanza foi a preocupación veciñal pola polémica xerada polo Partido Popular de Poio sobre a rotonda de Rabo de Porco en Raxó e o vial que enlazaría a rúa Leopoldo Novoa con esta infraestrutura. Para esta conexión, que estaba incluída no anteproxecto elaborado pola administración autonómica, foi a Xunta de Galicia a que expropiou os terreos necesarios para a súa execución.
O concello de Poio e a asociación de veciños concordan na necesidade de realizar esta actuación, que ademais de facilitar a conexión co entorno onde se atopa o centro de saúde, a igrexa e o cemiterio e o centro cultural Xaime Illa, melloraría notablemente a seguridade viaria nesa zona de Raxó. Sen embargo, a Xunta de Galicia decidiu deixar este vial fóra do proxecto de execución da mellora da seguridade viaria que complementa ao proxecto da senda peonil entre Samieira e Raxó.
Para o equipo de goberno este enlace resulta "fundamental para a mellora da seguridade do tránsito na zona, tanto de vehículos coma de peatóns, e para o desenvolvemento desa extensa área da parroquia de Raxó". Visto que a Xunta de Galicia decidiu descartalo do proxecto definitivo que se está a executar, o concello faralle chegar á Consellaría de infraestruturas e mobilidade a proposta de que execute o vial co financiamento do concello de Poio, que asumiría o custe económico da actuación.
Cabe lembrar que este novo vial non está recollido no PXOM, e polo tanto para que o concello puidese executalo requeriríase realizar unha modificación puntual do Plan Xeral, un trámite que demoraría a realización das obras. Ademais, a Xunta de Galicia tería que transferir ao concello as parcelas expropiadas.
Na reunión tamén se trataron diversos temas de interese para a parroquia de Raxó, como a dotación de máis prazas de aparcamento, e a importancia que tería a realización do proxecto de mellora da zona portuaria. A este respecto, a comisión de seguimento dos peiraos de Raxó e Covelo solicitou unha entrevista coa presidenta de Portos de Galicia que a día de hoxe non foi contestada.