Jesús Sueiro, presidente da xestora do PP en Meaño: "Non tiven que pensalo demasiado"
Por Oskar Viéitez
"Eu nacín en Meaño, vivín a metade da miña vida en Meaño, a miña nai e miña familia son de Meaño, teño negocio en Meaño e nunca me desvinculei de Meaño. Non tiven que pensalo demasiado. Para min é un proxecto diferente e ilusionante", sinalou o recén elixido presidente da xestora do PP nesta localidade, Jesús Sueiro, concelleiro de SAL en Sanxenxo ata esta semana.
O presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda, presentou este venres a Jesús Sueiro despois da expulsión do partido de Carlos Viéitez por faltas de "deslealdade e desobediencia".
"Fixemos un movemento rápido e eficaz. Xa tiveramos que facer algo parecido hai dúas semanas co cambio da cabeza de lista ao Congreso. As cousas saíron ben daquela e atopamos a María Ramallo, unha persoa de moitísimas garantías. Creo que neste caso Jesús Sueiro reúne esas mesmas condicións", afirmou Rueda.
Sueiro sucede na xestora a Lourdes Ucha, que esta mesma semana presentou a súa dimisión xunto ao seu secretario, José Ramón Gondar.
O presidente provincial cualificou a decisión de Sueiro de "paso valente", e destacou a experiencia de goberno do novo presidente da xestora. "É moi importante sabendo a responsabilidade que asume, que é a de representar ao partido máis importante de Galicia".
De cara o futuro, anunciou unha rolda de contactos a dous niveis. "A nivel interno vou falar cos militantes, para poñerme a súa disposición e explicar o que pretendemos facer en Meaño. Espero contar con tódolos afiliados e simpatizantes". Esa ronda estenderase posteriormente ao tecido asociativo de Meaño. "Clubs, asociacións e colectivos. Quero falar con todos", finalizou Sueiro.