Detido un pontevedrés por conducir de forma temeraria, co carné sen puntos, ebrio e pendente de entrar en prisión
Por Redacción
A Garda Civil detivo un veciño de Pontevedra, de 42 anos de idade, ao ser sorprendido conducindo de forma temeraria, co permiso de conducir sen puntos e con taxa de alcol positiva.
Os feitos sucederon o pasado luns. Unha alerta dun usuario na Central Operativa de Tráfico (COTA) da Garda Civil de Pontevedra informou de que na estrada PO-542 (O Pino - Ponte Bora), un vehículo marca Mercedes sufrira un accidente ao saír da vía e impactar coa bionda.
O condutor abandonou inmediatamente o lugar do accidente conducindo o mesmo vehículo de forma temeraria, ata o extremo de que chegou a invadir o carril contrario en repetidas ocasións, poñendo en risco a integridade física de varios condutores que se cruzaron con el.
Momentos despois, foi interceptado e detido na parroquia de Marcón por unha patrulla do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, como presunto autor de varios delitos contra a seguridade viaria.
Carecía do permiso de conducir por perda de puntos e ademais deu resultado positivo na proba de alcol con taxa de delito e tamén figuraba como buscado por unha orde xudicial de detención e ingreso en prisión ditada pola Audiencia Provincial de Lugo.