Maica Larriba reclama formación vial durante todas as etapas educativas
Por Redacción
Nun emotivo acto celebrado este sábado na Subdelegación do Goberno, fíxose entrega dos premios da nova edición do Concurso de Debuxo "Ponte a Conducir".
Tal e como quixo recalcar a subdelegada, Maica Larriba, "a necesidade de iniciar de forma temperá a educación viaria axúdanos a garantir que estes futuros novos condutores estean concienciados na responsabilidade que significa ter un volante nas mans, tanto para eles mesmos como para o resto, motivo que nos ten que levar a reclamar medidas e actividades educativas nesta área formativa dos futuros cidadáns e cidadás".
Desta forma e coa presenza de diversos representantes da Policía Nacional, Garda Civil, Cruz Vermella e Tráfico na provincia e a deputada provincial, Victoria Alonso, Maica Larriba fixo entrega dos galardóns correspondentes aos diferentes niveis educativos, polos seus debuxos relacionados coas normas básicas da circulación viaria e o respecto á normativa vixente.
Larriba tamén destacou as boas cifras obtidas durante os meses de verán deste ano no que as vítimas mortais na provincia descenderon nun 75 por cento, aínda que recoñeceu que as estatísticas anuais seguen sendo moi altas. Por último, a subdelegada animou aos escolares premiados a indicarlle as súas familias que conduzan respectando a sinalización.
En concreto, os gañadores deste ano foron en Infantil, Sofía Durán García da Escola Infantil Concepción Crespo de Pontevedra e Manuel Gómez Gamallo da Escola Infantil de Amil-Moraña. No Primeiro Ciclo de Primaria, os premiados foron Carlota Chacón Argibay do CEIP Parada Campañó e Breixo Sobral Rodríguez do Colexio Campolongo, ambos de Pontevedra.
No segundo ciclo de Primaria, repite o CEIP Parada de Campañó coas súas alumnas Carla Belo Aldao e Sara Tilve Lorenzo. Finalmente, os debuxos presentados por Antonella Sophie Díaz de Ulloa Mouriño do Colexio Los Sauces e Lucía Lorenzo Portas do Colexio Vilaverde de Mourente foron as seleccionadas para os premios nos niveis de 5º e 6º de Primaria.