Moraña promociona ás súas festas na Feira do Leitón de Cardeña
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de participar na oitava edición da Feira do Leitón Ibérico, que se celebra esta fin de semana no municipio cordobés de Cardeña e onde se vén de nomear ao concello como embaixador da sinalada cita gastronómica polas súas semellanzas coa Festa do Porquiño á Brasa de Amil. Con motivo desta distinción, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, recibíu un agasallo conmemorativo.
A rexedora, que agradeceu o nomeamento de Moraña como embaixador do leitón ibérico, destacou na súa intervención o gran potencial turístico de Moraña con festas como o Porquiño á Brasa ou o Carneiro o Espeto, enclaves de peregrinación como o santuario de Amil, tradicións como a Baixa das Bestas e unha enorme riqueza natural e paisaxística con decenas de paraxes de gran beleza.
Polo demais, a comitiva morañesa, da que tamén forma parte o tenente de alcalde José Cela, segue despregando a súa actividade no recinto feiral e na vila de Cardeña.
Así, os concertos e pasarrúas da Banda de Música Nova Lira están a espertar gran expectación e a admiración do público cordobés, ao tempo que o stand promocional de Moraña está a recibir numerosas visitas na feira. A representación complétase cun grupo de gaiteiros e de baile, empresarios de artesanía e produtos ecolóxicos e polbeiros.
"Estamos moi satifeitos da acollida en Cardeña e o moito que valoran o que lle estamos a mostrar do noso concello, polo que cremos que está a ser unha gran oportunidade para difundir os moitísimos valores, festas e tradicións que temos en Moraña e que comprobamos con alegría que sorprenden moi positivamente fóra das nosas fronteiras", detallou Piñeiro.