Tomás Abeigón revela que a Bella Otero foi unha entusiasta do 'fitness'
Por Oskar Viéitez
O Museo da Historia de Valga acolleu a presentación dun artigo de investigación da autoría do ex concelleiro do PP en Pontevedra, Tomás Abeigón, centrado nunha novidosa e, ata o de agora, pouco coñecida faceta da Bella Otero coma unha entusiasta do 'fitness' .
Abeigón, vencellado profesionalmente ao fisicoculturismo e ao deporte, desvela neste traballo "o gran segredo da beleza corporal" da diva da Belle Époque e estrela do Folies Bergère: "os aparatos de cultura física que foron o seu verdadeiro Santo Grial" e que lle permitiron modelar o seu corpo ata ser admirado por algúns dos homes máis influíntes do mundo e conseguir encher os máis afamados teatros.
Segundo revela Tomás Abeigón, a relación da Bella Otero co culto ao corpo iniciouse no ano 1893. Durante unha estancia en Nova York a artista valguesa inscribiuse nun centro ximnástico rexentado polo famoso forzudo alemán Ludwig Durlacher e especializado no adestramento feminino con pesas.
Aínda así, a clave da investigación está na relación que uniu á Bella Otero co lendario deportista Eugen Sandow, considerado o pai do culturismo moderno e inventor dalgúns dos aparellos ximnásticos e máis éxito da época.
"A idea de que as mulleres se dedicaran á ximnasia con pesas era algo que non concordaba coa mentalidade da época", explica Abeigón "había persoas que dicían que isto provocaría que a muller tivera un corpo demasiado masculinizado" polo que o pontevedrés entende que "neste sentido, la Bella Otero axudou á igualdade entre homes e mulleres no fitness".
O artigo afonda tamén na relación persoal que uniu á Bella Otero con Eugen Sandow, unha historia de amor non correspondida por parte do deportista, e céntrase nalgúns episodios da vida profesional e persoal da afamada bailarina.
Por exemplo, que o seu bautismo artístico puido ter lugar na cidade de Pontevedra aos 14 anos de idade, nunha tasca-hostal emprazada na actual rúa Princesa, entón chamada Picheleira, e propiedade de Eusebio Álvarez.