Unha persoa ferida no choque dun coche contra un hórreo
Por Oskar Viéitez
Unha persoa resultou ferida nun accidente de tráfico rexistrado na parroquia de Adina, en Sanxenxo.
Segundo informaron desde o Concello o sinistro tivo lugar ás seis da madrugada deste luns nas inmediacións do hotel Peregrina.
O Servizo Local de Emerxencias de Sanxenxo explica que o accidente consistiu nunha saída de vía dun vehículo que se precipitou por un desnivel chocando contra un hórreo que quedou totalmente esnaquizado.
No coche accidentado viaxaban tres persoas resultando ferida unha delas, unha muller que foi trasladada nunha ambulancia do 061 ata un centro sanitario. O condutor do turismo e a persoa que ocupaba o asento do copiloto, atópanse en bo estado.