Concentración en apoio aos policías despregados en Cataluña e o seu traballo "arriscado e dunha complexidade sen precedentes"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Policías nacionais, gardas civís, políticos e cidadáns anónimos sumáronse este luns á concentración convocada por sindicatos policiais en apoio e respaldo aos efectivos das Forzas de Seguridade despregados en Cataluña con motivo do dispositivo especial de seguridade posto en marcha tras a sentenza do 'procés'.
Máis dun centenar de persoas secundaron a concentración, que se repetía á mesma hora ante todas as comisarías de España co apoio dos sindicatos policiais SUP, SPP, CEP e UFP. No caso de Pontevedra, sumáronse ao acto políticos de Partido Popular, Cidadáns, Espazo Común e Vox. No caso do PP local, manifestaron o seu apoio, pero non asistiron por atoparse neses momentos no Pleno da Corporación.
En nome de todos os presentes, leuse un manifesto co que quixeron facer un recoñecemento que ven "necesario" tras as escenas de violencia vividas nas rúas de Barcelona e outras cidades a semana pasada, na que aseguran que "grupos perfectamente organizados e coordinados puxeron en marcha unha estratexia de terrorismo nas rúas que buscaba, polos medios e tácticas que se empregaron, a morte dalgún policía nacional".
Así, lembraron que 134 policías tiveron que ser atendidos estes días polos servizos médicos e algún, como un compañeiro da UIP de Vigo, permanece ingresado na Unidade de Coidados Intensivos en estado grave.
O manifesto insiste no que o traballo policial destes días en Cataluña, tamén o da UPR e o dos compañeiros de Información, foi "arriscado e dunha complexidade sen precedentes"·. De feito, aseguran que as UIP’ s levan trinta anos xestionando a orde pública en España e, desde a súa creación en 1989, "xamais tiveran que facer fronte a turbas tan exaltadas e violentas como as que tomaron as rúas de Barcelona o venres".
Os concentrados, que portaron bandeiras de España e ningunha sigla sindical ou política, esixiron un apoio do Goberno "sen titubeos, sen matices e sen cálculos de conveniencia política" e esixiron ao Ministerio dos Interior reforzos humanos inmediatos, o emprego de materiais imprescindibles en orde pública, xornadas laborais que non sexan de tanta duración e o envío de uniformidade para repoñer as pezas esnaquizadas nos incidentes.
Ademais, piden "contundencia", pois consideran que "na xestión do terrorismo nas rúas non é suficiente unha actuación policial de contención, que deixe en mans dos violentos unha cidade durante tantas horas", en alusión ao ocorrido na noite do venres na Via Laietana de Barcelona.