Chuvascos durante os vindeiros días nas Rías Baixas ata que chegue o anticiclón da fin de semana
Por Redacción
Este martes, Galicia irá situándose baixo a influencia das altas presións. Segundo o servizo de Meteogalicia, espéranse ceos con poucas nubes en xeral. As temperaturas mínimas manteranse sen cambios sobre os 7 graos e as máximas experimentarán un lixeiro ascenso ata situarse ao redor dos 19 graos. Os ventos soprarán de compoñente norte, frouxos no interior e moderados na zona costeira.
As Rías Baixas permanecerán nunha fase intermedia entre altas e baixas presións na xornada do mércores 23. Espéranse ceos con intervalos nubrados, con máis claros cara á zona oeste. Existe a posibilidade de que se rexistre algún chuvasco. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente ata os 9 graos mentres que as máximas permanecerán sen cambios ou con lixeiros descensos. Os ventos soprarán de novo de compoñente norte, frouxo no interior, moderados no litoral, con intervalos fortes nas zonas montañosas.
Unha fronte pouca activa chegará a Galicia durante o xoves. Espérase unha xornada de ceos cubertos, con choivas durante a mañá. Ao longo da tarde manteranse os ceos nubrados pero as choivas irán desaparecendo, con probabilidade dalgún orballo na metade oeste. As temperaturas ascenderán lixeiramente establecéndose entre os 12 e os 18 graos e o vento soprará frouxo do suroeste.
A partir do venres, a comunidade manterase nunha situación intermedia entre o anticiclón situado sobre a península Ibérica e unha borrasca que se encontrará na zona oeste. Espéranse, en todo caso, días de baixa probabilidade de precipitacións, con réxime de ventos de compoñente sur que permitirán un ascenso das temperaturas para situarse entre os 13 e os 22 graos.