O xabaril, o abandono do monte e as enfermidades reducen as poboacións de coello
Por Manu Otero
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A tempada de caza menor nos montes galegos comezou este domingo en Galicia cunha sensación xeral de optimismo no colectivo de cazadores polo lixeiro aumento das poboacións de coello, perdiz e faisán con respecto a anos anteriores. A pesar da recuperación do número de individuos, a situación dos roedores segue sendo crítica. "En xullo e agosto ven moitos coellos e os cazadores fregámonos as mans, pero ao chegar setembro empezan a desaparecer", lamenta o presidente da Federación Galega de Caza en Pontevedra, Francisco Couselo.
Os factores que están a acabar cos coellos nos montes da comarca de Pontevedra son diversos. "A hemorraxia vírica é un problema, onde hai un brote acaba con todos ", confesa o dirixente. Pero o abandono do rural, co exceso de maleza, ausencia de brotes que serven de alimento para estas especies, a proliferación de depredadores e a sobrepoblación de xabarís contribúen a terminar con aquelas comunidades que sobreviven á epidemia. " As repoboacións non funcionan, mentres montes non estean limpos e volvan traballarse as leiras, os coellos non volverán", vaticina o presidente do Tecor de Portas, Manuel Martínez, que ve como ano tras ano as soltas de coellos nos montes de Barro, Caldas, Portas ou Vilagarcía acaban fracasando.
Entre os depredadores, ademais de gatos salvaxes e cans, está o xabaril. "A maleza é propicia para o xabaril e o coello tende a desaparecer", afirma Couselo. Os cazadores ven unha relación directa entre o aumento das poboacións do porco bravo, coa caída dos roedores. Se a maleza é un problema, as rozas mecánicas tampouco son a solución. "Vos tractores acaban tamén cos brotes, que son do que se alimentan vos coellos", puntualiza Martínez.
Con todo, a pesar do aciago futuro que pesa sobre esta especie, nalgunhas zonas hai marxe para a esperanza. "Despois dun só día de tempada é pronto para facer unha valoración. Ademais en moitas zonas a xornada viuse afectada pola choiva e a néboa. Pero en zonas como O Grove, o coello está en auxe", destaca o presidente Couselo. Nunha zona de Vilagarcía, vedada durante os últimos anos por un incendio forestal e aberta este domingo, tamén se puido confirmar unha certa recuperación do número de individuos, explica Martínez, antes de asegurar que no resto de cotos, as noticias seguen sendo malas.
Todo o contrario ocorre coas aves. "Hai moito faisán e este ano a perdiz tamén crío moi ben", conclúe Couselo.
ZONAS QUEIMADAS.
Desde a Federación Galega de Caza en Pontevedra explican que na priemra xornada da tempada non se puido saír a cazar porque a normativa vixente impide esta actividade en chans afectados por incendios forestais. Ten que ser a consellería do Medio Rural a que conceda un permiso extraordinario sempre que se cumpran as condicións ecolóxicas adecuadas. Algo que xa sucede actualmente e que tanto a Consellería comola Federación constataron, polo que para a próxima fin de semana xa estarán habilitado a maior parte dos cotos que foron arrasados nos incendios de outubro do 2017, explican o presidente Francisco Couselo
Relacionadas:
-
A avalancha de corredores sorprende a un xabaril na Illa das Esculturas
Por Manu Otero |
-
Os cazadores instalan 200 refuxios nos montes de Pontevedra para criar coellos en liberdade
Por Manu Otero |
-
Piden á Xunta que contrate cazadores profesionais para facer fronte ao exceso de poboación xabaril
Por Anxo Lourido |
-
Os animalistas critican o PP por "criminalizar" os xabarís
Por Redacción |
-
A caza perde a metade das súas licenzas en Pontevedra nas dúas últimas décadas
Por Redacción |