O Concello destinará máis de 120.000 euros á modernización da administración electrónica
Por Oskar Viéitez
O Concello vén de aprobar a contratación da renovación dos servidores da base de datos e do subministro dunha cabina de almacenamento por un importe total de 121.000 euros.
Trátase de dous contratos que, segundo informou a portavoz do goberno, Anabel Gulías, están encamiñados a modernizar a administración electrónica. "Queremos darlle prioridade a este tipo de cuestións que, se ben non son demasiado vistosas, son moi necesarias para dar resposta aos procesos e procedementos, e mellorar a calidade do traballo e de atención aos veciños e veciñas do concello", asegurou.
O contrato para a renovación dos servidores da base de datos inclúe o subministro de dous servidores, a instalación da nova versión do software ORACLE e a migración dos datos a este novo entorno.
Pola súa banda, o contrato de subministro dunha cabina de almacenamento inclúe o subministro, instalación, configuración, migración de información e posta a punto dunha cabina que reemplace aos dos sistemas de almacenamento empregados na actualidade.
Ambos contratos teñen prazo de execución de tres meses cada un e o obxectivo final de ambas renovacións é o de aumentar a capacidade, actualización e mellora do rendemento da base de datos do Concello.
Estas actuacións están cofinaciadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra.