Cuspedriños10 difundirá os valores turísticos e culturais do concello
Por Redacción
A cuarta edición do programa turístico "Cuspedriños10" xa está en marcha e desenvolverá como cada outono no Concello de Cerdedo-Cotobade diversas actividades de difusión e promoción dos valores turísticos, históricos e culturais destas terras coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia.
Así, o programa contempla un acto veciñal sobre o papel e o valor turístico dos traballos de Antonio Fraguas, Letras Galegas 2019, en torno a este territorio, e unha charla de presentación veciñal do proxecto de rehabilitación dos Baños de San Xusto, que está piques de comezar e que se confire como un dos grandes atractivos do concello.
Ademais, unha das principais iniciativas de Cuspedriños10 será a elaboración dunha pequena guía informativa sobre o circuíto completo de festas gastronómicas do municipio co obxectivo de favorecer o seu coñecemento entre a veciñanza e os turistas. Así, daranse detalles das citas do Petote de Carballedo, o Becerro Ecolóxico ao Espeto de Viascón, o Requeixo de Corredoira, as Manciñas de Porco de Aguasantas, a Filloa de Valongo, o Pan de Millo e Ovo de Tenorio, o Caracol de Santa María de Sacos e o Bolo de San Martiño de Borela.
Cómpre sinalar que, ao abeiro deste programa Cuspedriños10, xa se celebrou un acto de presentación da etapa da Vía Mariana Luso Galaica que pasa polo concello e que incluíu a recepción dun nutrido grupo de peregrinos e un roteiro nocturno de índole astronómica, que é un dos grandes e quizais descoñecidos valores turísticos do municipio.
Este programa turístico, xurdido en 2016 co obxectivo de complementar de xeito turístico á Feira de Cuspedriños máis aló dos aspectos lúdicos e de extender o seu obxectivo de honrar ao pasado e á historia de Cerdedo-Cotobade durante distintas épocas do ano, está plenamente consolidado e axuda a impulsar as accións da área turística para reforzar o coñecemento dos valores por parte dos veciños e favorecer a crecente presenza de visitantes ao municipio.