Telmo Martín chama "populistas de merda" aos que critican a sanidade pública galega
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Para o alcalde de Sanxenxo aquelas persoas que critican a sanidade pública galega para utilizalo politicamente son uns "populistas de merda". Así de contundente mostrouse Telmo Martín durante a súa visita ao centro de saúde de Baltar, en Portonovo.
O rexedor, que aproveitou a súa visita para vacinarse da gripe, asegurou que el é un "firme defensor" da sanidade pública e afirmou que é "lamentable e triste" esta utilización partidista do sistema sanitario de Galicia.
"É unha vergoña", engadiu Martín, que destacou que a sanidade "debería estar fóra" do debate político e traballar unicamente para lograr unha "mellora constante" no sistema.
O alcalde de Sanxenxo, que confesou estar "indignado" coas críticas á sanidade, fixo extensible o seu enfado "tamén a xente do meu partido".
A todos eles recomendoulles "viaxar máis polo mundo adiante" para valorar o sistema sanitario español e "pensar dez segundos antes de falar mal da sanidade".
A maioría de persoas "razoables" deste país, defendeu o rexedor do PP, están "orgullosos" da sanidade galega e entende que os políticos que critican o seu estado actual "pensan que os cidadáns son uns ignorantes".
Ademais, Telmo Martín cargou tamén contra os sindicatos do sector sanitario porque, ao seu xuízo, son uns "acovardados" e prexudican "moitísimo" á sanidade, especialmente porque "non din o mesmo sen cámaras que con elas diante".
Acompañando ao alcalde de Sanxenxo estaba o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra e O Salnés, José Ramón González, que defendeu os investimentos realizados en sanidade e fixo un chamamento para que os cidadáns se vacinen contra a gripe, o motivo desta visita programa a Baltar.
José Ramón González advertiu de que a gripe "chegará antes" este ano, a finais de novembro, e lembrou a importancia de vacinarse debido a que "está demostrado" que a inxección "minora" as complicacións desta enfermidade vírica, algo de suma importancia ante o envellecemento poboacional e os problemas crónicos da xente maior.
OS SOCIALISTAS CENSURAN AS "BRAVUCONADAS" DE TELMO
Tras coñecer estas declaracións, os socialistas galegos esixiron ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que rectifique as "bravuconadas" de Telmo Martín ao entender que son "exabruptos" que "denigran" a acción política.
O portavoz de sanidade do PSdeG-PSOE, Julio Torrado, asegura que "populista" é un partido que di defender á sanidade pública, pero que despois "non destina un só euro dos orzamentos a investir nela" como fai o goberno galego na comarca do Salnés.
Para Torrado, o "desnorte" do PP é "abafante" e considera que "a perda de papeis é insoportable", xa que denuncia que estas declaracións do alcalde de Sanxenxo son un "intento desesperado" para "desviar a atención" do deterioro da sanidade pública tras dez anos de recortes.
Relacionadas:
-
SOS Sanidade Pública busca o apoio dos concellos para unha gran manifestación en Santiago o 9 de febreiro
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Persoal do PAC da Parda denuncia unha nova situación de colapso ao longo deste domingo
Por Redacción |
-
Os socialistas critican o "desinterese" do Concello de Sanxenxo polos problemas do PAC de Baltar
Por Redacción |
-
Comeza a prestar servizo a ambulancia medicalizada do 061 con base en Sanxenxo
Por Redacción |