Comeza a instalación dun semáforo para garantir a seguridade viaria da PO-551 en Loureiro
Por Redacción
Comezaron as obras para instalar un semáforo nun paso de peóns situado na PO-551 ao seu paso por Loureiro, no municipio de Bueu. Este martes, o delegado territorial da Xunta José Manuel Cores Tourís, acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, e polo xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, visitaban a zona onde se executan os traballos.
A consellería de Infraestruturas e Mobilidade afronta esta obra cun financiamento de 47.282 euros e o proxecto recolle a instalación de dous grupos semafóricos, un a cada lado da calzada, con iluminación de tecnoloxía LED. Ademais, instalarase un centro regulador de tráfico para control dos semáforos.
Ao mesmo tempo, está previsto que se amplíen as beirarrúas en ámbolos lados do paso de peóns existente. Rebaixarase tamén a plataforma para permitir que sexa accesible.
Como recoñecía Cores Tourís durante a visita, nesta zona existía unha demanda veciñal para mellorar a seguridade viaria. O alcalde recoñeceu que esta contorna é moi sensible sobre todo durante o verán co aumento de circulación.
Hai dous anos rexistrábase o atropelo mortal dunha nena de 4 anos neste paso de peóns. Debido á petición veciñal, a Xunta decidiu adiantar esta intervención contemplada no proxecto de reforma da PO-551, entre os quilómetros 7+800 e 8+800, unha obra que levará ao Consello de la Xunta para a súa aprobación e que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros.
RÚA A PEDRA
Durante a mañá deste martes, o alcalde de Bueu tamén visitaba as obras de reforma integral da rúa A Pedra. Durante esta semana acometerase a conexión dos distintos servizos de augas fecais e pluviais, ademais da instalación das redes eléctricas baixo o pavimento.
A rúa permanecerá pechada ao tráfico rodado ata o venres e só se permitirá a circulación de autobuses e turismos durante a entrada e saída dos centros educativos, segundo informa o Concello de Bueu. Inclúese nesta excepción o horario de comedor do CEIP A Pedra.
A intención da empresa que executa os traballos é finalizar a obra antes de finais de 2019. O proxecto contempla a ampliación das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas e a instalación de sinais tanto horizontais como verticais. Ademais crearanse dúas zonas de aparcamento para un total de 100 vehículos.