A Deputación presenta un orzamento de 161 millóns de euros
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente, César Mosquera, compareceron este mércores en rolda de prensa para dar a coñecer os orzamentos da administración provincial para 2020 que alcanzan os 161 millóns de euros, o que supón un incremento dun 1,9 % respecto ao anterior.
O orzamento consolidado, que inclúe as cantidades destinadas á Escola de Enfermería e o Consorcio contra incendios, elévase ata os 164,5 millóns.
César Mosquera valorou que son uns orzamentos presentados "en tempo e forma, mesmo con anticipación" que "supoñen un bo avance no que temos acordado" e, rematou o nacionalista, "creo que son a demostración de que hai un goberno con ideas, con impulso, sólido e que ten uns obxectivos ben claros que se irán efectivizando na práctica".
DÉBEDA
Entre o máis destacable deste orzamento está a redución da débeda a 3,9 millóns "estaremos preto da débeda cero", sinalou Silva. Cando o Partido Socialista e o BNG fixéronse cargo da Deputación de Pontevedra no ano 2015 a débeda era de 41 millóns de euros. "Podemos presumir tamén nisto de ser unha administración modélica", comentou a presidenta.
Segundo explicou Carmela Silva as contas do goberno provincial priorizan cinco liñas estratéxicas "que son cinco grandes áreas que dan sentido a toda a acción de goberno". Son: a Sustentabilidade e a transición ecolóxica, á que se destinan 27,4 millóns de euros; Economía, innovación e emprego, con 10,4 millóns; Avance sociocultural e deportivo, 33,9 millóns; Igualdade, 1,3 millóns e Asistencia económica e técnica aos concellos, con 54,4 millóns de euros.
Mosquera precisou que puidese parecer que baixa a contía dalgunhas partidas "todo o contrario, se cadra soben", o novo criterio de repartición obedece á idea de "axilizar a execución" polo que se impulsan aqueles proxectos que están "maduros, é dicir, listos para empezar a andar" corrixindo así algúns defectos que, ao seu xuízo, existían na administración provincial.
PLAN CONCELLOS
O Plan Concellos segue sendo a gran aposta da Deputación de Pontevedra dentro do seu "compromiso" cos municipios de ata 50.000 habitantes da provincia. O Goberno provincial destina 42,2 millóns de euros para "impulsar a xestión municipal e promover o desenvolvemento económico e a creación de emprego", nas tres liñas de axudas nas que se distribúe este plan.
Carmela Silva destacou que este financiamento aos concellos "reforza os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal" no marco do "respecto ao principio de autonomía local" e fixando "as mesmas regras para todos" e con "equidade".
A ADMINISTRACIÓN QUE MÁIS DIÑEIRO TRANSFIRE AOS CONCELLOS
A Deputación de Pontevedra dedica directamente aos concellos o 30% do seu orzamento, é o que a converte na Administración provincial de todo o Estado que máis recursos transfire directamente aos concellos segundo os datos do Ministerio de Facenda correspondentes ao pasado ano. Unha porcentaxe que se ve incrementado neste novo orzamento, destacou Carmela Silva.
Silva comparou este 30% cos datos doutras deputacións gobernadas polos populares, sendo a de Valladolid a que se situaba a menos distancia da de Pontevedra cun 14,12% dos seus orzamentos, seguida de Zamora cun 6,15% e chamou a atención o dato de Ourense, cun 0,06% dos seus orzamentos.
A presidenta da Deputación, en resposta "a moitas bobadas que di a xente", tamén sinalou que a Xunta só dedica un 2,3% da súa recadación tributaria ao Fondo de Cooperación Local, o que supón un 0,1% do Orzamento autonómico total.
INTERCAMBIO
Finalmente, Carmela Silva insistiu en que "a Deputación de Pontevedra non pode estar a manter nin financiando servizos e centros nos que a súa competencia nin é propia nin é delegada", en referencia á Escola de Enfermería, a Escola de Cantería, Estación Fitopatológica do Areeiro, Leira de Mouriscade e Ciudad Infantil Príncipe Felipe "que teñen un custo para a Deputación de máis de 16 millóns de euros".
Neste sentido, Carmela Silva propuxo á Xunta "que fagamos un intercambio: nós financiamos todo o que ten que ver coas emerxencias e a Xunta que quede con todos estes servizos".
O goberno provincial conta con aprobar de maneira inicial este orzamento no próximo pleno fixado para o 5 de novembro.
Relacionadas:
-
Xunta e Deputación aproban un orzamento de 3.8 millóns para o Consorcio contra Incendios e Salvamento
Por Redacción |
-
O Plan Concellos 2020 destinará máis cartos aos municipios máis pequenos
Por Alejandro Espiño |
-
O pleno da Deputación aproba o orzamento para o próximo ano
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O PP cualifica os orzamentos da Deputación como "anti provincia e anti concellos"
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras alega contra o orzamento da Deputación por privatizar servizos e discriminar aos traballadores
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva tampouco presentará este ano no Parlamento galego as contas da Deputación
Por Oskar Viéitez |