A restauración do cruceiro de Mourente estará lista a próxima semana
Por Manu Otero
A restauración e traslado do cruceiro da igrexa de Mourente entra na súa fase final. Os restauradores teñen practicamente rematado o novo alicerce e a cruz, mentres que a base atópase xa no seu novo emprazamento. O obxectivo do goberno local, o concelleiro de Patrimonio Xaquín Moreda visitou este mércores a obra, é completar a restauración a próxima semana para proceder á súa inauguración.
"O cruceiro foi tirado por un coche que non o vira. Había que volver colocalo e os veciños reclamaron movelo uns centímetros porque necesitaban máis espazo para o paso da procesión. Xestionámolo con Patrimonio, autorizouno e tamén levántase uns centímetros porque o primeiro dos escalóns do basamento estaba totalmente tapado polo asfalto", explicou Moreda.
Ademais da restauración, o cruceiro contará cun novo Cristo. "O Cristo que tiña era de cemento e estaba moi mal feito, falámolo con Patrimonio e fixemos un Cristo novo de pedra", engade a restauradora Marta Díaz Fernández, que tamén estivo presente na visita á obra,
Para os veciños, a restauración e traslado deste emblemático conxunto é un soño cumprido. "Levamos esperando máis dun ano por isto e sería unha satisfacción para toda a parroquia ter ou cruceiro preparado", recoñece o presidente da Asociación de Veciños, Genaro Santomé.