Prohíben conducir tres anos e medio a un condutor bébedo que se negou a repetir a proba
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra primeiro e a sección segunda da Audiencia Provincial despois condenaron un pontevedrés a seis meses de prisión, nove meses de multa e a privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores durante tres anos, seis meses e dous días como autor de dous delitos contra a seguridade do tráfico: condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas e negativa a someterse á proba de alcoholemia.
O home xa tiña antecedentes por delitos de tráfico, pero esta última condena, ditada nos últimos meses, chégalle por uns feitos ocorridos sobre as 6.00 horas da madrugada do pasado 13 de maio de 2019. Conducía un vehículo Renault Megane pola estrada PO-531 en Poio baixo os efectos da previa inxesta de bebidas alcohólicas cando a Garda Civil o someteu á proba de alcoholemia. Fixo voluntariamente unha primeira proba na que deu un resultado positivo de 0,88 miligramos de alcol por litro de aire expirado, pero negouse a facer a segunda a pesar de ser advertido reiteradamente de que a negativa sería constitutiva de delito.
Segundo consta probado na sentenza condenatoria, o acusado presentaba síntomas externos de embriaguez tales como rostro conxestionado, ollos brillantes, pupilas dilatadas, comportamento exaltado, eufórico e irrespetuoso cos axentes, fala pastosa, cheiro a alcol no alento forte de preto e notorio a distancia, repetición de frases e ideas, volume elevado de voz e andar titubeante.
O home xa fora condenado en setembro de 2017 polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra á pena de vinte xornadas de traballos en beneficio da comunidade por un delito de condución sen permiso e en decembro 2017 como autor dun delito de condución temeraria á pena de seis meses de prisión e privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores durante un ano e un día.
A nova sentenza condénao por un delito de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas coa circunstancia agravante de reincidencia á pena de nove meses e un día de multa cunha cota diaria de seis euros e privación do dereito para conducir durante dous anos, seis meses e un día e tamén por un delito de negativa a someterse á proba de determinación do grao de impregnación alcohólica coa circunstancia atenuante analóxica de embriaguez a seis meses de prisión e privación do dereito para conducir vehículos durante un ano e un día.
A sentenza ditouna inicialmente o Xulgado do Penal número 3 e, tras un recurso do condutor condenado, confirmouna a Audiencia Provincial.