Recoñece pola rúa a súa exclusiva bicicleta un ano despois de que lla roubasen
Por Oskar Viéitez
Sucedeu ás 21:10 horas do sábado 6 de xullo de 2013, un veciño de Pontevedra alertou a Garda Civil que vira un mozo coa súa bicicleta na avenida Porteliña de Poio. Estaba a punto de cumprirse un ano o día 1 de agosto de 2012, dende que se produciu o roubo da bicicleta, cando a tiña amarrada con cadeado a un farol na avenida da Coruña. A bicicleta esta valorada en 1.900 euros.
O denunciante manifestou os axentes que se falara co mozo, que non coñecía de nada, e que lle explicou que era el o seu verdadeiro propietario, que a recoñecía perfectamente a pesar de que lle cambiaran a cor orixinal do cadro. Explicoulle ademais, que a citada bicicleta foi montada de forma moi personalizada e a pezas, polo tanto era moi doado recoñecela.
Ante a contundencia dos argumentos o mozo pediulle ao denunciante que non chamara á Garda Civil posto que "non se levaba ben con eles" facilitándolle un nome e o lugar do seu traballo, pedíndoo que o arranxarían doutro xeito. O propietario da bicicleta non o dubidou un instante e puxo o feito en coñecemento da Garda Civil.
Os axentes presentáronse no lugar de traballo do mozo, e tras falar con el recoñeceu ser o autor do roubo. Ao non posuír documentación ningunha que puidese acreditar a súa identidade, foi trasladado ás dependencias oficiais da Garda Civil de Poio, onde a súa nai ao cabo dun anaco presentou o seu DNI, tratándose de I.G.B., veciño de Salcedo, de 19 anos de idade, sendo imputado por un delito de roubo con forza da devandita bicicleta.
O imputado manifestou en presenza de letrado que a encontrara o día 2 de agosto de 2012 na rúa e que a quedou sen máis, e que o seu estado non variara dende entón, o que dista moito segundo as fotos orixinais facilitadas polo verdadeiro propietario do día da denuncia. Na actualidade vese perfectamente manipulada e mal coidada.
A bicicleta foi devolta ao denunciante. O imputado ten a obriga de presentarse ante a Autoridade Xudicial cando sexa requirida por esta.
DETIDO POR ROUBAR NUN COCHE EN SAMIEIRA
Coa recente iniciada Operación Verán levada a cabo pola Garda Civil, intensificando o control de praias en prevención de roubos en interior de vehículos, ás 17:50 horas do pasado día 6, a Garda Civil recibiu unha chamada dunha persoa que acababa de ver un individuo romper unha lúa dun turismo estacionado no camiño Escullueira, na parroquia de Samieira-Poio.
Testemuñas presenciais facilitaron a descrición dun home moreno, con camiseta de cor azul mariño e que marchara do lugar nunha bicicleta.
Os Gardas Civís localizaron aos poucos minutos na avenida Cruz, en Combarro, cando acudía a unha tenda a comprar tabaco, tras identificalo resultou ser C.M.T.N. de 42 anos de idade, veciño de Mollabao, toxicómano e con antecedentes por roubo en interior de vehículos, ser detido o pasado día 19 de xuño de 2013 por feitos similares en Campañó (Pontevedra).