Bueu aproba inicialmente os orzamentos e o plantel de persoal do ano 2019
Por Redacción
O Concello de Bueu aprobou inicialmente este xoves, nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada ás 9.00 horas, os orzamentos e o plantel de persoal do ano 2019.
Os orzamentos xerais ascenden a unha cantidade de 6 millóns de euros, tanto en gastos como en ingresos. O concelleiro de facenda, Julio Villanueva, destacou que se trata dun orzamento "que practicamente recolle o traballo realizado polo anterior concelleiro da área".
A proposta foi aprobada cos votos a favor do grupo do BNG e ACB, en contra do PP e a abstención do PSOE. Agora, o documento cos orzamentos estará en exposición pública durante 15 días hábiles para a presentación de posibles alegacións por parte da cidadanía. No caso de que nese período non existan reclamacións, o orzamento aprobarase xa definitivamente.
En palabras do rexedor, "o orzamento é continuísta, cun estado de ingresos e gastos bastante consolidado, que supoñen un incremento de 180.000 euros con respecto ao 2018".
Juncal fixo fincapé nesa evolución positiva da economía do Concello, "a pesares de que desde o 2005 non se incrementou ningunha taxa".
En canto ao catálogo de postos de traballo e plantel de persoal do Concello, o alcalde apuntou que a principal novidade é a creación dunha praza de técnico de administración xeral, que se dedicará a realizar tarefas no departamento de urbanismo, onde desde hai meses existe unha demora considerable na tramitación de expedientes.
No debate, Elena Estévez, voceira do PP, botou en cara ao goberno local o atraso na aprobación "do que é o documento máis importante do Concello", idea que tamén recolleu na súa exposición José Manuel Vilas, representante do PSOE.
Antes de proceder á aprobación, o alcalde lembrou que "estes son os mellores orzamentos posibles, sobre todo se atendemos ao contexto actual, cando os concellos levamos intervidos desde o ano 2012 e cun teito de gasto que non podemos superar aprobado polo goberno central". Así mesmo insistiu en que a débeda financeira de case dous millóns de euros se cancelará cando, por certo, o remanente de tesourería volve arroxar un estado positivo por segundo ano.
PRINCIPAIS LIÑAS DO ORZAMENTO
En canto aos ingresos, no capítulo correspondente a impostos directos (IBI, IVTM e IAE) consígnanse 2.327.500 euros, e no capítulo 2, de impostos indirectos (ICIO), consígnanse 90.000 euros. As taxas e outros ingresos permitirán recadar 550.450 euros, mentres que as transferencias correntes supoñen 3.043.044,50 euros, os ingresos patrimoniais, 25.005,50 euros, e os activos financeiros, 4.000 euros.
No que respecta aos gastos, o capítulo primeiro, referente a persoal, ascende a 3.034.600 euros, que se incrementa lixeiramente con respecto á anualidade anterior.
Os gastos en bens correntes e servizos teñen unha cantidade de 2.031.300 euros, os gastos financeiros son 10.000 euros, e as transferencias correntes equivalen a 685.600 euros. Aquí inclúense subvencións a entidades culturais e deportivas.
Por último, o capítulo de investimentos reais ten importe de 141.000 euros, o de pasivos financeiros, 5.000 euros, e o de amortización de préstamos, 132.500 euros.