En Marea critica que os orzamentos da Xunta para 2020 "dan as costas" a Pontevedra
Por Natalia Puga
O portavoz de En Marea e a coordinadora de Marea Pontevedra, Luís Villares e Peque González, criticaron este xoves na cidade o Lérez os orzamentos da Xunta de Galicia para 2020, que consideran que teñen moitas carencias e " non están atendendo correctamente as necesidades" da cidade nin de Galicia.
O que máis sorprende a Peque González é que os orzamentos destinen tan só tres millóns de euros a proxecto de ampliación do Hospital Montecelo, cando é hospital cabeceira para o norte da provincia, e se esquezan de "algo tan importante" como o Hospital Provincial, que desde Marea Pontevedra seguen demandando que teña un uso sanitario, de modo que "necesita un investimento importante para dar ese servizo á cidade".
Ademais, reclama como "totalmente necesario" crear polo menos unha nova escola infantil pública para 0-3 anos en Pontevedra pois cada ano quedan sen praza 500 nenos desta franxa de idade e valora que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "dá totalmetne as costas á cidadanía de Pontevedra" e , en concreto, á da parroquia "máis damnificada" do municipio, Lourizán, na que invisten 12 millóns para a mellora da depuradora, proxecto ao que Marea se declara totamente en contra.
"Son uns orzamentos que non teñen en conta para nada as necesidades e, con todo, atenden ás non necesidades da cidade", conclúe.
Villares considera "especialmente sorprendente" que non se atendan as prioridades da cidadanía mentres se baixan os impostos dos máis ricos con medidas como suprimir o imposto de sucesións a quen herda ata un millón de euros ou facer rebaixas fiscais para comprar unha casa en primeira liña de praia.
Relacionadas:
-
Os alcaldes socialistas esíxenlle á Xunta un modelo de financiamento como o da Deputación
Por Redacción |
-
Valoracións enfrontadas ante os orzamentos da Xunta para Pontevedra
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O saneamento da ría, Montecelo ou a estación intermodal, prioridades da Xunta para Pontevedra en 2020
Por Alejandro Espiño |