Pontevedra, capital do gourmet galego cunha nova edición de Etiqueta Negra
A cidade de Pontevedra volverá converterse, por cuarto ano consecutivo, no epicentro dos produtos gourmet galegos. Será coa celebración da feira Etiqueta Negra, que se celebrará os días 9, 10 e 11 de novembro no Recinto Feiral.
Etiqueta Negra, un evento gastronómico que se consolidou rapidamente no calendario feiral pontevedrés, baterá este ano todos os records ao reunir a máis dun centenar de produtores que, segundo destacou a edil de Promoción económica, Yoya Blanco, foron elixidos pola "singularidade, orixinalidade e calidade" dos seus produtos.
Profesionais do sector, produtores de toda Galicia e público consumidor volverán reunirse durante estes tres días para coñecer as novas tendencias, establecer contactos, difundir a excelencia destes alimentos e saborear todo o que ofrece o sector primario galego.
Embutidos, xamóns, queixos, patés, carnes, caracois, conservas, castañas, legumes, salsas e aderezos, aceites, doces e xeados, marmeladas, pans ou empanadas estarán ao dispor dos asistentes que, ademais, poderá adquirir todo tipo de viños, licores, vermús, cervexas, cafés, infusións ou bebidas a base de hidromiel, entre outros produtos gourmet.
Todos eles poderán degustarse tanto nas zonas de catas como na vinoteca, dous espazos que terán unha programación intensa e continuada durante toda a feira.
A feira estará aberta, en horario ininterrompido, de 11.00 a 21.00 horas. A entrada custa tres euros ao día, aínda que se poderá comprar un abono para os tres días a oito euros. Haberá ademais unha zona de comida con 'foodtrucks' para que o público poida comer alí.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, celebrou que esta feira sexa cada ano "máis completa, participativa e innovadora" e destacou que permite apreciar o "futuro" e a "potencia" do sector en Galicia, con produtos dunha calidade "excepcional" cos que "innovan" cociñeiros que son "un orgullo para todos nós".
Un dos grandes atractivos de Etiqueta Negra volverán ser os 'showcookings' que protagonizarán reputados cociñeiros, unha actividade que este ano se amplía aínda máis coa presenza, entre outros, de Pepe Solla, Iñaki Bretal, Moisés Rodríguez, Rubén González, Yolanda León e Juanjo López ou Iván Domínguez, Manu Sánchez ou Julio Sotomayor e Daniel Guzmán.
Estas sesións maxistrais de cociña en directo complementaranse co paseo gastronómico que os alumnos do Carlos Oroza realizarán o luns 11 pola cidade, realizando demostracións culinarias en varias prazas de Pontevedra que teñen unha histórica relación coa alimentación ou a gastronomía.
A feira incluirá ademais presentacións de produtos, catas comentadas ou charlas sobre a elaboración de produtos gourmet. Todas elas serán interpretadas en lingua de signos por membros da Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia, Xoga.
No Espazo Etiqueta, pola súa banda, volverán celebrar actividades de formación, entre outros, talleres de cociña asiática empregando produtos galegos, de amasado e formado de pan ou sobre peixes, mariscos, algas e herbas do litoral; ou cursos de cociña saudable ou de alimentación ideal para deportistas.
Ademais, como todos os anos, Etiqueta Negra acollerá tamén un encontro profesional que prevé converterse nunha gran plataforma de negocio para as empresas do sector. Na pasada edición, celebráronse máis de 350 reunións de traballo e preto dun milleiro de contactos con distribuidores, tendas gourmet ou restaurantes e hoteis.
Relacionadas:
-
Os alumnos do Carlos Oroza sorprenden cun showcooking con selo pontevedrés en Etiqueta Negra
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Recinto Feiral viste de 'etiqueta negra' para presumir do mellor gourmet galego
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, converte o Recinto Feiral nun centro delicatessen
Por Redacción |
-
A feira do gourmet galego Etiqueta Negra abre o prazo para participar nas actividades de formación
Por Redacción |
-
Concello e hostaleiros planean unha nova festa gastronómica en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Os gourmets galegos xa poden inscribirse na próxima edición de Etiqueta Negra
Por Oskar Viéitez & Nacho Fuentes |
-
Etiqueta Negra pon o broche de ouro a unha 'exquisita' terceira edición
Por Redacción & Mónica Patxot |