Moraña recupera o histórico edificio da cámara agraria de Alende
Por Redacción
O histórico edificio da antiga cámara agraria de Alende, en Moraña, volverá ter vida. O Concello acaba de poñer en marcha os traballos previos á rehabilitación deste emblemático inmoble da parroquia de Santa Xusta que albergará un centro social equipado cunha unidade pública de atención de alzhéimer.
Estes traballos iniciais consisten na canalización da liña telefónica e en pódaa das árbores que creceron no interior da estrutura. O orzamento do proxecto ascende aos 258.000 euros, financiados 200.000 euros pola Consellería de Política Social.
A alcaldesa de Moraña, Luísa Piñeiro, supervisou este xoves as primeiras actuacións neste edificio e mostrou a súa satisfacción por superar os atrancos que atrasaron o inicio da rehabilitación. "Agardamos que agora todo vaia coa maior celeridade para recuperar un inmoble histórico do noso concello e poñelo canto antes á disposición dos veciños", sinalou tras a visita.
Ademais de actividades veciñais e o centro publico de alzhéimer, neste centro levarán a cabo iniciativas sociais para a terceira idade como eventos de envellecemento activo, encontros interxeracionais, accións de promoción da autonomía persoal ou programas de prevención da dependencia.
O edificio, que mantén a súa fachada de pedra, conta con 217 metros cadrados de planta e está prevista a súa restauración integral ao mesmo tempo que se habilitan as estancias no seu interior a través dunha actuación que respectará a fisionomía do inmoble.
Tras a obra, quedará dotado dun amplo hall de acceso, almacén, despacho, dous aseos e unha sala central de 130 metros cadrados. Ademais deixarase a parte máis elevada ao aire sostida por grandes vigas.
Relacionadas:
-
Fabiola García supervisa os traballos para converter a antiga Cámara Agraria de Moraña en centro social
Por Redacción |
-
Moraña quere ter rematado en marzo o novo centro social de Alende
Por Redacción |
-
A apertura do centro social de Alende cunha unidade pública de alzhéimer, a principios de 2020
Por Redacción |
-
Moraña acorda conxelar impostos e impostos municipais para 2020
Por Redacción |
-
Moraña promociona ás súas festas na Feira do Leitón de Cardeña
Por Redacción |
-
Irmandande entre a Feira do Leitón Ibérico de Cardeña e a Festa do Porquiño á Brasa de Moraña
Por Redacción |
-
Moraña cubrirá os contedores e mellorará a sinalización turística para embelecer a vila
Por Redacción |