Unha muller acaba no hospital tras un violento 'tirón' en plena rúa na Caeira
Por Natalia Puga
Unha muller resultou ferida e tivo que ser atendida no Hospital Quirón Salud Miguel Domínguez de Pontevedra tras sufrir un violento roubo na zona da Caeira na noite do martes que está a ser investigada pola Garda Civil.
Todo ocorreu sobre as 22.00 horas na rúa Oitavén da Caeira, en Poio. Un home que, segundo fontes veciñais era toxicómano, asaltouna para roubarlle o bolso polo procedemento do 'tirón' e, cando ela resistiuse, resultou ferida.
Segundo a información facilitada pola muller, o home levaba na man un obxecto que podería ser un coitelo ou un desaparafusador e fuxiu en dirección ao poboado chabolista do Vao. Ela quedou no chan e sufriu unha lesión nunha perna pola caída pola que máis tarde recibiu asistencia sanitaria.
A Garda Civil tivo coñecemento do ocorrido e enviou varias patrullas ao poboado do Vao para tentar localizar ao asaltante, pero sen éxito. Trátase dun home novo, moreno e con pelo curto que portaba un coitelo ou desaparafusador.
Segundo a información facilitada, a vítima é directiva da asociación de veciños de San Salvador de Poio e foi asaltada cando saía do coche para tirar o lixo.
Relacionadas:
-
A Garda Civil e a Policía Local reforzarán a vixilancia nos accesos do poboado do Vao
Por Oskar Viéitez |
-
Máis seguridade e creación de aparcadoiros, principais demandas da veciñanza de San Salvador de Poio
Por Redacción |
-
Veciños da Caeira e Boavista, preocupados polo "esaxerado" incremento de drogodependentes
Por Redacción |