O futuro auditorio de Marín terá capacidade para 550 espectadores e aparcamento soterrado
Por Redacción
Marín vén de desvelar os detalles do futuro auditorio da vila, un dos proxectos que financiará cos fondos europeos, e que permitirá resolver unha das demandas históricas do municipio.
Este equipamento cultural terá un aforo de 550 espectadores e deberá contar cun vestíbulo, que estará distribuído de tal maneira que sirva tanto como zona de acceso ao auditorio como de zona de espera e de estar. Debe ser, polo tanto, un espazo multifuncional.
O patio de butacas contará cunha única planta de 600 metros cadrados. Pola súa parte, o escenario terá unha superficie de 220 metros cadrados e estará situado nun punto no que a súa visibilidade sexa óptima para todos os espectadores.
Está previsto tamén que o edificio teña seis camerinos, próximos ao escenario, que lle dean servizo aos artistas que vaian actuar no auditorio, que conten cun aseo propio e que poidan estar dotados dun acceso alternativo ao do público xeral, para garantir a privacidade.
Con respecto aos aseos comúns para o público, o proxecto que resulte escollido debe contemplar o número suficiente para satisfacer as necesidades do edificio en canto ao número de espectadores, atendendo á normativa de espectáculos e actividades.
Ademais, o auditorio contará cunha zona de audiovisuais que permita o control da escena e con dous almacéns, un que sirva para recoller os elementos necesarios para os espectáculos e outro no soto.
No soto, por último, está previsto que se habilite un espazo destinado a aparcadoiro que terá unha superficie de 700 metros cadrados.
Esta cuestión, sumada á reordenación da parcela na súa superficie, que ten 2.000 metros cadrados e foi cedida polo Porto de Marín, virá a resolver a demanda de estacionamento que xurdirá coa programación de eventos no auditorio.
Todos estes detalles recóllense no prego de contratación da redacción do proxecto construtivo do centro socio cultural, que terá un orzamento de catro millóns de euros e serán asumidos a partes iguais polos fondos FEDER e a Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Reunión entre a alcaldesa de Marín e a conselleira de Medio Ambiente para axilizar a construción do Auditorio
Por Redacción |
-
Así será o futuro auditorio de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Un comité de expertos avaliará as ofertas para o auditorio
Por Redacción |
-
A Policía Local de Marín detecta infraccións en terrazas de diversos locais de hostalería
Por Redacción |
-
Marín abre o prazo de presentación de ofertas para construír o Auditorio
Por Redacción |
-
María Ramallo arranca de Núñez Feijóo o seu compromiso para colaborar no novo auditorio
Por Redacción |