Cuntis apoia a natalidade con contías de ata 500 euros
Por Redacción
O Concello de Cuntis concederá axudas económicas para o apoio da natalidade no municipio. As bases publicábanse no Boletín Oficial da Provincia este 23 de outubro e xa se poden solicitar estas colaboracións económicas.
Para poder acceder a estas axudas é necesario que a nai ou o pai se atopen empadroados no Concello e, polo menos un dos dous, leve nove meses rexistrado no censo municipal; os bebés deben ter nacido entre o 1 de decembro de 2018 e o 30 de novembro deste ano; ademais a renda da unidade familiar, sumada á base impoñible xeneral e á de aforro da declaración da renda de 2018 non pode superar os 45.000 euros.
As axudas son de 300 euros por bebé, no caso das solicitudes ordinarias; de 500 euros por nacemento ou adopción de menores con algunha discapacidade recoñecida nun grao igual ou superior ao 33% ou con recoñecemento da situación de dependencia. Por último establécense axudas de 500 euros para familias numerosas ou monoparentais.
O prazo para presentar solicitudes está aberto ata o 9 de decembro no departamento municipal de Servizos Sociais do Concello de Cuntis.
O orzamento destinado a este programa ascende a 12.000 euros. No caso de que as solicitudes aceptadas superen as previsións exceda esta cifra, o crédito total previsto será prorrateado entre as solicitudes admitidas.