Acometen un bacheo na estrada Cerdedo-Caroi á espera da súa remodelación
Por Redacción
Operarios da brigada municipal de obras de Cerdedo-Cotobade iniciaron labores de bacheo na estrada que une Cerdedo e Caroi, no tramo entre os lugares de Chamadoira e Revolta.
Trátase dunha petición dos veciños da zona que foi atendida polo goberno local, coa intención de permitir unha correcta circulación na zona ata que se poida executar a remodelación integral comprometida pola Xunta e na que o goberno autonómico ten previsto investir 2,6 millóns de euros.
Segundo o Concello, os traballos consisten no corte da capa asfáltica e posterior recheo con formigón e nivelado, xa que hai puntos desta estrada que presentaban grandes fendas importantes.
En calquera caso, a obra servirá para mellorar o tráfico só de maneira provisional, xa que está elaborado o Plan Especial para a modernización completa da infraestrutura.
Neste sentido espérase que a Xunta emita en poucos días o correspondente informe para que o plan poida ser aprobado definitivamente e finalice así a a fase administrativa inicial antes da redacción do proxecto e a licitación das obras.
Desde o goberno local confían en que a remodelación completa deste vial de 8 quilómetros poida comezar ao longo do próximo ano.