Indignación contra o cura de Lérez por impedir a unha freguesa ler "o último adeus ao meu pai"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
A veciña de Lérez Rocío Novegil Bértola viviu esta semana o que define como o día "máis duro da miña vida", a morte do seu pai, e, para engadir máis ingredientes ao cóctel de sufrimento, non puido darlle o "último adeus" como desexaba, pois, tras o funeral, quixo lerlle unha carta para despedir ao seu "heroe", pero atopouse coa oposición do párroco, que quixo evitar a lectura mesmo utilizando a forza para suxeitala polo brazo.
O xesto do párroco, Don Crisanto, espertou unha reacción de indignación entre os fregueses que estaban no funeral, que o chamaron "sen vergoña" dentro do templo e acusárono de "falta de humanidade". Nese momento, a reacción de Rocío foi tentar ler igualmente o texto, sen interpoñer maior oposición, pero, unha vez superado o transo, decidiu elevar a súa indignación e pedir á Igrexa que tome medidas,
"Non é a primeira vez que actúa así", criticaba este venres desde a súa casa Rocío, unha afirmación na que coinciden os seus familiares máis próximos, que a apoian e arroupan nestes momentos e comparten que é "unha vergoña" a súa actitude, sobre todo tendo en conta que impediu a unha persoa despedirse segundo os seus desexos do seu pai.
A crítica vai dirixida directamente ao cura párroco, que no pasado protagonizou polémicas similares, pero queren facer partícipe á institución, pois "representa á Igrexa". "Onde está a ética dos que din ser os profetas de Deus?", pregúntase. Engade que alguén ten que "deter a esta impresentable persoa" e que ela quixo dar o paso "por non respectar a miña dor".
Segundo relatou a PontevedraViva, o día do enterro xa comunicou ao persoal da funeraria previamente que escribira unhas palabras e quería lelas tras o funeral e o persoal xa reaccionou con cautela: "Uff, é Crisanto...". A reacción confirmouse que era acertada, pois cando llo trasladaron ao cura, esixiu ler a carta antes de dar a autorización e ao final negouse a permitirlle a lectura.
A resposta do párroco foi que podía ler un párrafo que lle marcaba no misal, pero non a súa carta. A negativa non sentou ben a Rocío, que estaba a pasar moi mal momento, e, terminado o funeral, non quixo aceptala. Levantouse co misal na man e, dentro a carta. Cando o abriu e se dispuxo a lela, o cura achegouse, suxeitouna do brazo e tirou dela para arrebatarlle o escrito e mesmo a perseguiu.
Ela non se detivo, dirixiuse á zona onde estaba o féretro e quixo lela, pero nin así o conseguiu. Segundo describe, a reacción do párroco foi pedir á funeraria que retirase o féretro e saíran da igrexa, pero nese momento, o resto de ferigreses saíu na súa defensa. Finalmente, conseguiu poder despedirse, pero non como ela quería, pois estaba tan nerviosa que apenas podía ler.
Unha vez finalizado o trámite, segundo lle contou xa a súa familia porque ela non foi consciente, o cura pechou a igrexa "dando unha portada". Na súa opinión, "demostrou que calidade humana non ten ningunha", por iso decidiu denunciar o ocorrido.