Renovan o parque infantil de Salcedo para mellorar a seguridade dos nenos
Por Redacción
O parque infantil situado xunto o Centro Cultural de Salcedo será renovado polo Concello. As obras, que teñen un orzamento de case 25.000 euros, buscan garantir a seguridade dos nenos e nenas que usan os seus xogos a diario.
Así, os operarios renovarán o seu pavimento, dotando a esta área infantil dun revestimento illante e amortiguador de impactos.
Xa se procedeu á retirada do antigo pavimento de cortiza e sobre a base de xabre que quedou ao descuberto procederase á colocación dun pavimento de seguridade de caucho.
Sobre este revestimento de seguridade, que ten unha función illante e amortiguadora, colocarase céspede artificial.
Á renovación do pavimento sumarase o lavado, lasurado e recolocación de todos os xogos desta área que darán como resultado que o parque quede practicamente como novo, segundo indica o concelleiro Alberto Oubiña.
Esta área de xogos, que está situada na contorna do centro cultural e da Casa do Monte, no núcleo de centralidade da parroquia de Salcedo, conta cun importante número de usuarios.