A APDR acode á Defensora del Pueblo para intentar frear a prórroga da concesión a Ence-Elnosa
Por Redacción
A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) decidiu trasladar as súas revindicacións a Madrid en busca de anular unha posible prórroga na concesión do complexo industrial Ence-Elnosa máis alá de 2018.
O colectivo ecoloxista remitiu por escrito á Defensora del Puebo unha solicitude para que promova a presentación dun recurso de anticonstitucionalidade á nova Lei de Costas, que entende abre a posibilidade de ampliar o período de explotación dos terreos de Lourizán por outros 75 anos.
Na misiva a APDR argumenta que "se esa concesión se prorroga por un prazo de 75 anos, os seus propietarios gozarían dela cando menos durante 135 anos", ao que engade que "un título de uso por un período de 135 anos nada ten que ver cunha concesión, máis ben parece un título de propiedade, por canto pasarán varias xeracións ata que tales terreos volvan ser de dominio público".
A asociación presidida por Antón Masa asegura tamén que se está a beneficiar aos accionistas de Ence que "sen poñer un só euro ven como aquel prazo de caducidade se eterniza en prexuízo dos cidadáns".
Por último a APDR xustifica a súa acción afirmando que se se confirma a prórroga "nunha zona de clara vocación turística, pesqueira e marisqueira, se priva á cidadanía do dereito a ver estes terreos libres, de poder recuperalos para que pasen a formar parte novamente do dominio público marítimo terrestre".