O Porto de Marín retirou este ano máis de 18.000 quilos de lixo mariño
Por Redacción
A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, en colaboración coa frota pesqueira, leva retirados 18.600 quilos de lixos mariños da costa galega no que vai de ano. As previsións é que se superen os 20.000 quilos recolleitos en 2018.
É o balance que o porto fixo público durante a visita duns auditores da Unión Europea, que aproveitaron a súa estancia en Galicia para participar nunha xornada de presentación do proxecto Life iSeas e coñecer os distintos proxectos ambientais nos que está agora mesmo participando a Autoridade Portuaria en relación cos lixos mariños.
En concreto, trátase das iniciativas Repesca Plas e ML Style.
No primeiro caso trátase dun Proxecto da Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente para a posta en valor de residuos plásticos recuperados do mar.
A partir do depósito de materiais, caracterízase o propio lixo mariño, determinando a súa tipoloxía a través dun protocolo de mostraxe co fin de alimentar unha base de datos e definir os efectos ecolóxicos dos plásticos e microplásticos detectados. A continuación sepáranse e procesan a través da fabricación de produtos con material reciclado.
Por outra banda, o proxecto ML Style está promovido por Inditex para deseñar un sistema de xestión integral dos residuos inorgánicos dos portos pesqueiros.
Así, analízanse plásticos alimentarios, caixas de poliestireno, redes e aparellos en desuso ou outros lixos mariños e estúdase as posibilidades de valorización destes materiais como materias primas para a fabricación de roupa, accesorios e complementos de moda.
Relacionadas:
-
A Autoridade Portuaria limpa a lámina de auga na dársena pesqueira
Por Redacción |
-
O Porto de Marín recolleu 25.000 quilos de lixo do mar durante o ano pasado
Por Redacción |
-
Retiran de Ons mil quilos da planta invasora coñecida como "margarita africana"
Por Redacción |
-
O Porto de Marín leva retiradas 20 toneladas de lixo mariño
Por Redacción |
-
O Porto de Marín expón en Madrid a súa experiencia en xestión de residuos
Por Redacción |