Vilagarcía terá o seu propio mercado de Nadal inspirado na tradición europea
Por Redacción
Unha das tradicións de Nadal máis coñecidas en Europa chega a Galicia. E máis concretamente a Vilagarcía de Arousa. O municipio contará este ano cun mercado de Nadal que se instalará na Praza da Independencia e que funcionará do 20 de decembro ao 5 de xaneiro.
Cunha coidada decoración típica do Nadal e coa venda exclusiva de produtos relacionados con estas festas, como artigos decorativos e ornamentais, doces típicos e agasallos, o mercado busca complementar a oferta de actividades deseñadas para estas festas.
Nesta primeira edición, o mercado de Nadal de Vilagarcía contará con 16 postos dispostos en 'jaimas' idénticas que irán coidadosamente decoradas exterior e interiormente cos motivos de Nadal, complementando o alumeado e a ornamentación de rúa que pon o Concello.
Os postos venderán diferentes tipo de artigos relacionados coas festas, dende figuriñas para o Belén ou a árbore de Nadal ata ornamentos vexetais para engalanar as casas e as sobremesas. Tamén haberá doces e produtos gastronómicos típicos de Nadal, postais e unha longa lista de artigos de agasallos.
Independentemente dos vendedores que veñen a través da empresa especializada na organización deste tipo de eventos, o Concello porá algúns postos a disposición do comercio local por se algún establecemento ou artesán da cidade desexa estar presente no mercado.
A maiores, haberá unha ludoteca infantil na que os cativos que acudan ao mercado coas súas familias poderán xogar e divertirse mentres os adultos visitan os postos.
Ademais, o mercado terá unha vertente ecolóxica e sostible posto que boa parte dos artigos de decoración que se exporán están realizados con materiais de desfeito ou reciclado como restos de poda, plástico e papel reciclado; así como algúns produtos gastronómicos elaborados con ingredientes de agricultura ecolóxica.