Moraña medirá as súas emisións de CO2 para deseñar un plan para reducilas
Por Redacción
O goberno municipal de Moraña traballa para impulsar un plan de acción para o clima e a enerxía e poñer así o seu gran de area na loita contra a emerxencia climática.
Unha das primeiras iniciativas será elaborar un inventario das emisións de CO2 que se producen no municipio co obxectivo de coñecer cal é a situación de partida.
Ademais, tamén está previsto que, ao longo das vindeiras semanas, se celebren reunións informativas e de concienciación con todos os colectivos e a sociedade morañesa para facelos partícipes e acadar a súa máxima colaboración nesta área.
"Pretendemos implicar aos colexios, asociacións, empresarios e en xeral a todos os veciños para coidar do noso medio ambiente", explica a alcaldesa, Luisa Piñeiro.
Este plan de acción para o clima e enerxía marcará os pasos a seguir para, dende o Concello, contribúan ao coidado do planeta.
Así, tamén se elaborará un programa para reducir as emisións ou a contaminación lumínica de todos os edificios e os equipamentos públicos.