Forzáns revalida a súa devoción polos seus callos nunha nova Festa dos Callos
Por Redacción
O centro cultural de Forzáns volveu a quedar pequeno para acoller a todos os veciños que participaron na décimo terceira edición da Festa dos Callos da parroquia.
O gran éxito de participación veu a ratificar que o cambio de data de maio para outubro resultou máis atractiva para os comensais.
Este evento gastronómico, organizado pola Asociación Cultural O Torreiro, permitiu os veciños compartir mesa e mantel para degustar un prato de callos preparados ao estilo da zona.
Alí, o sabor e a presenza de especias empregadas de xeito maxistral fan desta receita uno dos segredos mellor gardados das cociñeiras que se encargan de preparalos.
Os asistentes agradeceron cos seus aplausos ás cociñeiras Lucila Álvarez e Maruja Couto, que se encargaron de sazonar axeitadamente de especias os callos para que resultaran do gusto e o agrado de todos.
Ao finalizar a comida e o sorteo de agasallos, tivo lugar o tradicional baile, nesta ocasión amenizado polo dúo musical Ouro Negro, quen interpretou pezas do repertorio festivo habitual no que non faltaron os pasodobres.