Petición formal para que o parque da UNED quede aberto á veciñanza
Por Redacción
Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes visitaban este luns o parque do centro asociado da Uned en Monte Porreiro e mantiñan un encontro coa directora María Troncoso para expoñerlle a intención do Concello de Pontevedra de presentar ante a Xunta Reitora desta universidade unha petición formal para que este parque sexa asumido polos servizos municipais e, desta forma, abrilo para o uso da cidadanía.
Os concelleiros responsables da área de Universidade e de Medio Natural estiveron acompañados neste encontro polo xefe do servizo municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán.
Durante a entrevista, os concelleiros socialistas manifestaron a intención do goberno local de crear un novo acceso ao parque na rúa Italia, á altura do paso de peóns situado ante o supermercado Froiz e crear unha rede de sendeiros peonís internos.
Segundo entende o responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes o ideal sería a cesión de uso xa que facilitaría a dotación dun novo portón de acceso e a instalación de novo mobiliario. Pero desde o Concello sinalan que están abertos a calquera outra fórmula xurídica que desde a Uned se considere oportuna.
A intención é que o parque se manteña aberto durante o día e peche ao longo da noite, ao estilo do que sucede en zonas verdes do Reino Unido.
Este xardín conta con acacias, sequoias e euxenias cun importante valor botánico. A idea é eliminar especies invasoras como acacias negras que molestan á veciñanza e repoboar o parque con árbores que manteñan o estilo decimonónico con especies de distintos continentes, indicou Iván Puentes.
A directora do centro entende que non haberá inconveniente, segundo afirman fontes municipais. Agora depende de que a xunta reitora, na que se atopan representados o Concello, a Deputación, a Xunta de Galicia e Ence, acepte a petición. Está prevista unha sesión ordinaria antes de que finalice 2019.
María Troncoso tamén manifestou que vai realizarse unha reforma do edificio da Uned e a apertura do parque estaría condicionada á finalización deses traballos consistentes principalmente na remodelación da fachada.