Comisións Obreiras alega contra o orzamento da Deputación por privatizar servizos e discriminar aos traballadores
Por Oskar Viéitez
O sindicato Comisións Obreiras anunciou que presentará alegacións ao orzamento da Deputación de Pontevedra para o ano 2020.
En rolda de prensa, o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro, asegurou que as contas provinciais "deixan en evidencia" que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, "minte" e acusou de privatizar servizos e discriminar aos traballadores, á vez que asegurou que "non ten sensibilidade social e non pon o práctica o Plan de Igualdade senón que utiliza a igualdade en beneficio propio".
Comisións Obreiras posicionouse en contra destes orzamentos, segundo avanzaron na mesa de negociación.
Piñeiro espera que as alegacións sexan aceptadas "e se corrixan algunhas das situacións" pero advertiu que, de non ser así, Comisións Obreiras pasará "da negociación á mobilización" e desta á xudicialización de todas as súas reclamacións.
PARQUE DE MAQUINARIA
Respecto á situación do Parque de Maquinaria, José Ramón Piñeiro explicou que na práctica comprobaron que "desde fai catro anos están a amortizarse postos de traballo" de condutores, oficiais de infraestruturas, peóns e mecánicos.
A día de hoxe, segundo indicou, no parque hai 12 persoas para atender a 1.800 quilómetros de estradas, unha cifra que compara cos 14 condutores destinados ao parque móbil "para trasladar ao equipo de goberno".
A isto sumou Piñeiro a redución do persoal do taller (pasou de 8 a 2 mecánicos), e incidiu en que no orzamento para 2020 tampouco se asignan cartos para a compra de maquinaria, nin para reposicións e baixouse a partida destinada aos arranxos "por tanto este servizo esta abocado á externalización", conclúe o secretario comarcal de CC.OO.
Este mesmo obxectivo entende que ten o goberno provincial co castelo de Soutomaior onde hai tres meses que se privatizaron os labores de vixilancia que antes facían funcionarios.
PLAN DE IGUALDADE
O secretario comarcal de Comisións Obreiras reprochou a "présa tremenda" da presidenta da Deputación por aprobar o Plan de Igualdade "para trasladalo publicamente" debido a que "ela quere ser o referente de Galicia na Igualdade", con todo, José Ramón Piñeiro denunciou que "non se puxo en práctica ningún dos procedementos que establece o Plan de Igualdade".
Comisións Obreiras sostén que na Deputación "está a traballarse fundamentalmente para o Concello de Pontevedra e para o Concello de Vigo e para realzar a figura da presidenta". Para soster esta acusación José Ramón Piñeiro argumentou que se incrementaron no orzamento os fondos públicos destinados a Presidencia, a Comunicación, Igualdade, Parque Móbil e Gastos Correntes "isto demostra que se está a traballar só e exclusivamente para, o que chaman: a compra de voto".
ACORDO REGULADOR
José Ramón Piñeiro lamentou que non se poña en práctica o acordo regulador establecido cos traballadores. Neste sentido, Comisións Obreiras solicitará informes á Secretaría e á Asesoría Xurídica da Deputación para coñecer as razóns deste incumprimento. Citan como exemplo destes incumprimentos o que ocorre coa provisión de postos de traballo, a promoción interna ou a carreira profesional.
"Á Deputación interésalle crear unha administración paralela nomeando cargos directivos cun perfil establecido de antemán", destacou Piñeiro. Con esta fórmula, asegura o secretario comarcal de Comisións Obreiras que se están substituíndo xefaturas na Deputación que antes estaban desempeñadas por funcionarios ou se están duplicando outras, é o caso do ORAL, o Museo ou o Servizo de Cultura, ou a nova praza de vice-tesoureiro, segundo citou.
"DISCRIMINACIÓN"
José Ramón Piñeiro tamén revelou unha situación de "discriminación grave" con algúns traballadores que cobran un salario "moi por baixo" doutros compañeiros que desenvolven as mesmas funcións. Estas "discriminacións" existen entre o persoal funcionario, o laboral fixo e o eventual, que poden supoñer uns 6.000 euros anuais de diferenza segundo o tipo de contrato.
Piñeiro cre que ao goberno provincial "interésalle manter estas diferenzas retributivas e discriminar a uns traballadores por encima doutros", xa que non se elaborou o Catálogo de Postos de Traballo nin as Guías de funcións nalgúns servizos coa nova estrutura organizativa que ten agora a administración provincial.
"FALTA DE SENSIBILIDADE SOCIAL"
Finalmente, o secretario comarcal de CC. OO. reprochou a "falta de sensibilidade da presidenta" polas condicións nas que se atopan as instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe "sen plan de accesibilidade" e onde os menores que alí se atopan están "en risco de coller enfermidades" polos problemas da calefacción, a falta de illamento das xanelas, existencia de humidades, entre outras deficiencias.
Relacionadas:
-
CC.OO. concéntrase ás portas da Deputación para pedir á presidenta "que practique a igualdade"
Por Redacción |
-
O pleno da Deputación aproba o orzamento para o próximo ano
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O PP cualifica os orzamentos da Deputación como "anti provincia e anti concellos"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación presenta un orzamento de 161 millóns de euros
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |