As voces das avoas galegas e as súas experiencias, protagonistas en Cuntis na acción de Violencia Zero
Por Redacción
Visibilizar as experiencias amorosas e tamén sexuais de moitas avoas galegas como punto de partida para reivindicar a igualdade e a loita contra as violencias machistas foi o obxectivo da acción de “Violencia Zero“ esta tarde en Cuntis, da man de Carmen Conde co seu espectáculo "Tabú" nas instalacións do CPI Aurelio Marcelino da vila.
O auditorio encheuse de rapaces de 1º a 4º da ESO que interactuaron coa artista.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada da deputada Ana Laura Iglesias, a comisaria do programa Paula Cabaleiro, e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, asistiron a esta penúltima acción da cuarta edición do programa provincial.
Ao través da narración oral, Carmen Conde relatou historias de mulleres galegas de avanzada idade que lle contaron as súas primeiras experiencias de adolescencia e xuventude en relación co amor ou o sexo e que forman parte do seu proxecto, co que percorreu Galicia durante seis meses para falar con elas.
Conde contou, a veces desde o humor e a veces desde a dor máis profunda, historias de amor, desamor, abandono, mitos da menstruación ou embarazos non desexados de mulleres, avoas agora pero novas entón que sufriron vexacións, estigmas, maledicencias e mesmo violacións no seo do seu matrimonio. Historias de abusos e desigualdades que, sen embargo, elas mesmas desdramatizaban. "Ai nena, iso antes era así…", lle dicían.
"Elas eran capaces de falar de violacións sen ningún tipo de gravidade, como quen fala do prezo do pan", relatou Conde. "Aprendín que elas e nós somos como a terra, que nos sementaron, araron e colleitaron ao antollo doutro, pero seguiron a vivir. Fixeron o que parecía imposible, dixo a artista, e desde elas queda roto o Tabú. Todas e todos vos tedes o poder e a responsabilidade de cambiar a historia".
Relacionadas:
-
'Mulleres en acción. Violencia Zero' leva as súas reivindicacións a Sanxenxo
Por Redacción |
-
'Mulleres en Acción. Violencia Zero' regresa en Marín cun berro contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Cuntis ponse 'en negro' contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Denuncian a talla de carballos recentemente plantados na carballeira do Sequelo, en Troáns
Por Redacción |